A Xunta adxudica cinco novas vivendas de promoción pública en réxime de alugueiro nos concellos de Allariz, Ourense, O Carballiño e Vilamarín

O delegado territorial da Xunta entregoulle as chaves aos arrendatarios da promoción situada na rúa Irmandade, nº 5

Gabriel Alén explicou que a Xunta dispón de diversos programas tendentes a paliar as dificultades de acceso á vivenda para colectivos vulnerables, entre eles o programa de alugamento, o bono de alugueiro social así como tamén o bono de violencia de xénero, ou a través de vivendas cedidas polas entidades bancarias

Ourense, 7 de xuño de 2022

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, entregou esta mañá as chaves de dúas vivendas en réxime de alugueiro no concello de Allariz. Estas vivendas están emprazadas na rúa Irmandade, nº 5 e forman parte dunha promoción construída pola Xunta en 2011.

Teñen unha superficie útil de 55,19 m2 e 56,75 m2 respectivamente e constan de salón-comedor-cociña, 2 dormitorios, 1 baño, lavadoiro e un vestíbulo. Tamén dispoñen de rocho e garaxe.

Así mesmo, a Xunta tamén entregou hoxe 3 vivendas máis: unha en Vilamarín de 99,78 m2; outra na cidade de Ourense, de 74,76 m2 e unha terceira no Carballiño, de 69 m2.

As vivendas foron adxudicadas en réxime de alugueiro, polo que os inquilinos pagarán unha renda mensual que non excede dos 100 euros, en función dos ingresos das persoas adxudicatarias.

O delegado territorial explicou que as persoas beneficiarias xa poden facer uso das vivendas de inmediato e resaltou que estas actuacións son unha mostra máis do apoio que mantén o Goberno galego cos cidadáns, para facilitar o acceso á vivenda.

Unha das condicións que se lles esixe aos beneficiarios é estar inscrito no Rexistro único de demandantes de vivenda, un trámite que se pode realizar en calquera momento do ano. A inscrición pode efectuarse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia procedemento VI428C, inscrición no RUDEVI.

A información pode solicitarse por correo electrónico, a través do enderezo: demandantes.igvs.ourense@xunta.gal, ou presencialmente nas propias oficinas do IGVS, solicitando cita previa.

De feito, a maiores das vivendas de promoción pública, a Xunta dispón de diversos programas tendentes a paliar as dificultades de acceso á vivenda para colectivos vulnerables, entre eles o programa de alugamento, o bono de alugueiro social así como tamén o bono de alugueiro específico para víctimas de violencia de xénero, ou a través de vivendas cedidas polas entidades bancarias.

Obras de illamento

As vivendas de Allariz, adxudicadas esta mañá, pertencen a un grupo de 32 vivendas de promoción pública e centro de día ás que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vai destinar máis de 120.000 euros en obras de illamento solar, co fin de dispoñer elementos de protección solar nas carpinterías das vivendas con orientación suroeste, e obras de conservación e mantemento neste inmoble.

Imaxes relacionadas