A Xunta apoia o programa da Agrupación Miño que desde 2019 prestou axuda a máis de 100 mulleres en situación vulnerable

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe a Agrupación Miño, que reúne unha vintena de asociacións veciñais do rural do concello de Ourense

Puxo en valor o programa da Rede Veciñal de Mulleres que impulsa esta entidade, como recurso de atención para que as mulleres superen situacións de illamento e indefensión e traballen no seu autocoidado

Ourense, 7 de xuño de 2022 A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe a Agrupación Miño -que representa unha vintena de entidades veciñais de carácter rural situadas na periferia da cidade de Ourense- que desenvolve desde hai 4 anos, co apoio deste departamento, un programa de atención a mulleres vulnerables que xa atendeu a máis de cen persoas.

A Xunta vén de renovar o apoio a esta iniciativa da Rede Veciñal de Mulleres que promove a Agrupación, con máis de 19.000 euros, co que o impulso ao seu recurso integral de atención a mulleres en situación de vulnerabilidade supera os 50.500 euros desde 2019.

Durante este tempo, un total de 111 mulleres recibiron atención personalizada e especializada. A conselleira quixo hoxe poñer en valor o recurso que ofrece a entidade, que se ten convertido nestes anos en punto de encontro e aprendizaxe para que as mulleres superen as situacións iniciais de illamento, impotencia e indefensión. Tal e como resaltou, grazas ao servizo estas persoas dispoñen dun espazo de autocoidado e dunha rede de apoio para iniciar o seu desenvolvemento.

O Goberno galego apoia este proxecto de intervención sociocomunitaria que ofrece ás beneficiarias servizos ademais de orientación laboral, persoal e social, atención psicolóxica, mediación familiar e comunitaria e apoio xurídico.

A iniciativa da Agrupación Miño foi unha das 59 beneficiarias este ano das axudas dirixidas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para a posta en marcha de programas destinados á atención das mulleres en situación de especial vulnerabilidade.

A Consellería de promoción do Emprego e Igualdade está a destinar este ano preto de 1,4 millóns de euros para financiar en toda Galicia os gastos derivados da realización dos programas que promoven as entidades.

Grazas a esta liña e a un investimento de máis de 13,5 millóns de euros, desde 2009 e ata 2021, a Xunta de Galicia prestou apoio cada ano a unha media de 3.500 e 4.000 mulleres.

Imaxes relacionadas