Galicia participa nunha xuntanza para coñecer os instrumentos que brinda a UE para garantir a transversalidade de xénero nas políticas públicas

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2022 A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe nun encontro da directora do Instituto Europeo da Igualdade de Xénero (EIGE), Carlien Scheele, con representantes das Comunidades Autónomas, no que puido coñecer os últimos traballos e instrumentos que este organismo pon a dispor de todos os axentes implicados na busca da igualdade para garantir a  transversalidade de xénero no desenvolvemento das políticas públicas.

A xuntanza, na que López Abella participou por videoconferencia, enmárcase na visita institucional que unha delegación do Instituto Europeo de Igualdade de Xénero (EIGE) está a realizar a España, encabezada pola súa directora, Carlien Scheele.

O encontro, concibido como espazo de intercambio, permitiu ás CCAA participantes ter un coñecemento actualizado das ferramentas, bases de datos e recursos que a UE pon a dispor de quen traballa na implementación das políticas de igualdade.

EIGE é una axencia da Unión Europea que ten como cometido facer realidade a igualdade de xénero efectiva no seu territorio. Para iso, leva a cabo investigacións e elabora estatísticas e bases de datos sobre e pon a dispor de todas as institucións dos países membros e das entidades que traballan neste marco recursos e ferramentas.

Imaxes relacionadas