O director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, acompañou aos participantes da actividade, realizada en colaboración co clube de iates de Baiona

A Xunta promove a actividade ‘Amar o mar’ nas residencias públicas da provincia de Pontevedra

A actividade, celebrada hoxe en Baiona, contou coa colaboración do Clube de iates Monte Real da localidade e permitiu vivir a experiencia da navegación aos usuarios de tres centros públicos autonómicos

Trátase da segunda xornada dun total de tres, cada unha con cincuenta participan-tes

Baiona (Pontevedra), 7 de xuño de 2022 A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Xuventude, promove desde o pasado 1 de xuño a actividade Amar o Mar en colaboración co Monte Real Clube de Iates de Baiona. O programa contou hoxe, no seu segundo día, coa participación do director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, que acompañou aos residentes na navegación. Mañá desfrutarán da experiencia outras cincuenta persoas no que será o peche do programa.

 

Concretamente, hoxe foi a quenda das residencias de Marín e Campolongo (Pontevedra) e do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) de Redondela, cada un con algo máis dunha quincena de participantes xunto cos seus correspondentes monitores.

 

Fernando González Abeijón salientou a importancia desta experiencia para os participantes, que puideron coñecer de preto o mundo do mar durante catro horas. Ademais, destacou que esta é só unha das múltiples actividades que desenvolven estes centros e enriquecen a programación diaria dos seus usuarios.

 

O director xeral tamén agradeceu a colaboración institucional co Clube de iates Monte Real de Baiona, que permitiu poñer en marcha este programa, e puxo en valor a súa implicación. Mañá mércores poderán vivir a experiencia outros cincuenta usuarios.

Imaxes relacionadas