O DOG publica hoxe a declaración de utilidade pública das aldeas modelo do Seixo na Gudiña, Carzoá en Cualedro, Covelo en Taboadela, Francos de Proendos en Sober e Mouteira-Parada en Cerdedo-Cotobade

Trátase das primeiras cinco aldeas declaradas tras a entrada en vigor da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e ás que se lle aplicará esta novidade, que implica o recoñecemento da existencia de razóns de interese público para a tramitación de urxencia do seu procedemento e dos informes ambientais e sectoriais respectivos

Entre todas elas, conseguirán poñer en valor máis de 130 hectáreas arredor dos núcleos de poboación que buscan dinamizar, con case 1.400 parcelas implicadas de preto de 600 propietarios

Mediante estes instrumentos, perséguese avanzar na procura da recuperación da actividade económica e social dos terreos de antigo uso agrícola, gandeiro e forestal, así como dos núcleos incluídos neles
 

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2022

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe os decretos da Consellería do Medio Rural polos que se declaran de utilidade pública e de interese social as aldeas modelo do Seixo (A Gudiña), Carzoá (Cualedro), Covelo (Taboadela), Francos de Proendos (Sober) e Mouteira-Parada (Cerdedo-Cotobade). Trátase das primeiras cinco aldeas declaradas tras a entrada en vigor da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e ás que, polo tanto, se lle aplicará esta novidade, que implica o recoñecemento da existencia de razóns de interese público para a tramitación de urxencia do seu procedemento e dos informes ambientais e sectoriais respectivos.

 

Esta declaración de utilidade pública permitirá axilizar a posta en valor de máis de 130 hectáreas arredor dos núcleos de poboación que se busca dinamizar, con case 1.400 parcelas implicadas de preto de 600 propietarios. En concreto, a aldea modelo do Seixo abrangue 30,6 ha, 223 predios e 76 propietarios; a de Carzoá ten 53,68 ha, 389 parcelas e 215 titulares; a aldea de Covelo conta con 15,05 hectáreas, 223 parcelas e 109 propietarios; a de Francos de Proendos abarca 12,87 ha, 119 predios e 70 propietarios e, por último, a aldea modelo de Mouteira-Parada consta de 17,99 hectáreas, 427 parcelas e 109 titulares.

 

Tras estas declaracións de utilidade pública e interese social, o seguinte paso será aprobar os proxectos de ordenación produtiva, nos que se delimitarán -entre outros aspectos- os usos máis idóneos para a explotación das parcelas incluídas nas aldeas modelo e as obras e infraestruturas necesarias para a súa posta en produción, así como as operacións de limpeza para os predios que asuman o compromiso de adhesión ao Banco de Terras de Galicia.

 

De ser necesario, poderanse levar a cabo tamén traballos de investigación da titularidade daquelas parcelas das que se ignore quen é o seu dono. Finalmente, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural -dependente da Consellería do Medio Rural- realizará a convocatoria dun procedemento de concorrencia competitiva para a selección de propostas de cara ao aproveitamento de parcelas incorporadas ás aldeas modelo.

 

Mediante estes instrumentos, perséguese avanzar na procura da recuperación da actividade económica e social dos terreos de antigo uso agrícola, gandeiro e forestal -particularmente daqueles que se encontran en situación de abandono e infrautilización-, así como dos núcleos incluídos neles. O obxectivo é fixar poboación e mellorar a calidade de vida nestas zonas, ao tempo que se aumenta a seguridade das persoas e dos seus bens ao exercer este aproveitamento das terras de devasa natural fronte aos incendios forestais.

 
Enlaces ás decretos:
 
  • Aldea modelo de Covelo (Taboadela):

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220607/AnuncioG0426-270522-0005_gl.html

  • Aldea modelo de Mouteira-Parada (Cerdedo-Cotobade):
 
  • Aldea modelo do Seixo (A Gudiña):
 
  • Aldea modelo de Francos de Proendos (Sober):
 
  • Aldea modelo de Carzoá (Cualedro):