A Xunta financia a contratación de 68 perceptores da Risga en 14 concellos das bisbarras do Baixo Miño, o Condado e a Paradanta cunha achega de 850.000 €

O delegado territorial en Pontevedra, Luis López, informou desta nova concesión, orientada a reforzar os servizos públicos e a garantir a inclusión social destas persoas desempregadas, tras unha reunión na que analizou a resolución definitiva coa xefa territorial de Promoción do Emprego e Igualdade, Marta Mariño

Os concellos de Ponteareas e Tui, con 12 e 10 traballadores, respectivamente, son os municipios máis beneficiados e recibirán apoios de 127.638 € e 146.957 € para realizar estas contratacións, que tamén chegarán aos outros doce municípios destas tres comarcas

Ponteareas, 7 de xuño de 2022 A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, vai financiar a contratación de 68 traballadores temporais, entre persoas desempregadas en situación ou en risco de exclusión perceptoras da Risga, nos catorce concellos das bisbarras do Baixo Miño, O Condado e A Paradanta cunha achega de 850.784 euros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou esta mañá desta nova concesión de traballadores a prol dos concellos, orientada a reforzar os servizos públicos municipais e a garantir a inclusión social destas persoas sen emprego, tras unha reunión celebrada no edificio administrativo de Campolongo na que analizou a resolución definitiva coa xefa territorial de Promoción do Emprego e Igualdade, Marta Mariño.

“Tras as importantes axudas outorgadas aos concellos da provincia para a contratación de socorristas e de persoal para prevención de lumes forestais a través do programa Aprol Rural, dende a Xunta volvemos a colaborar coas administracións locais, neste caso favorecendo a contratación de persoas en risco de exclusión que se adicarán, principalmente, a tarefas de limpeza e obras públicas, o cal redundará no seu crecemento persoal e integración social e tamén no interese xeral coa mellora e reforzo dos servizos públicos”, detallou o representante autonómico.

Os concellos de Ponteareas e Tui, con 12 e 10 traballadores, respectivamente, son os municipios máis beneficiados do sur da provincia de Pontevedra e recibirán un apoio económico da Xunta de 127.638 euros e de 146.957 euros para sufragar os seus salarios. Ademais, tamén se outorgaron axudas para os municipios de Arbo, A Cañiza, Covelo, Crecente, Mondariz, Mondariz-Balneario, As Neves, Salvaterra do Miño, A Guarda, Oia, O Rosal e Tomiño Todos os traballadores terán un contrato por espazo de nove meses e unha xornada do 75% do réxime xeral.

Resolución da liña de axudas para a contratación de perceptores da Risga

Concello
Perceptores Risga
Traballadores
Axuda
Servizo
Ponteareas
209
12
127.638 €
Mellora de espazos
Tui
66
10
146.957 €
Servizos municipais
Salvaterra
33
5
69.189 €
Mantemento de espazos
Tomiño
37
5
68.899 €
Xardinaría e limpeza
Covelo
18
5
68.247 €
Limpeza
As Neves
31
5
61.767 €
Coidado de zonas verdes
A Cañiza
24
5
60.594 €
Obras públicas
Crecente
16
5
57.162 €
Viais e limpeza
A Guarda
22
5
53.849 €
Servizos xerais
Mondariz
17
4
57.110 €
“Mellorando Mondariz 22”
O Rosal
10
2
21.703 €
Limpeza e roza
Oia
6
2
21.703 €
Limpeza
Balneario
2
2
20.908 €
Mellora de infraestruturas
Arbo
1
1
14.606 €
Mantemento de espazos

Deste xeito, e tras a resolución destas tres derradeiras ordes de emprego temporal para o reforzo dos servizos públicos e o favorecemento da inclusión laboral, os catorce concellos destas tres comarcas van poder incorporar de inmediato a 96 persoas para tarefas de socorrismo, prevención de lumes forestais co Aprol Rural ou as encomendadas individualmente na liña do Risga grazas a unha achega global de 1.076.990 € da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.