A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá o Gran Hotel de Ferrol, un dos negocios que se suman a este iniciativa de Turismo de Galicia

O Bono Turístico ‘Quedamos en Galicia 2022’ ten adheridos 32 establecementos nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal

Estas axudas inxectaron preto de 160.000 euros nos negocios da zona durante a pasada convocatoria

Martina Aneiros puxo en valor o auxe que está a coller o sector nos últimos anos, “moi especialmente nas Rías Altas que teñen apostado por un turismo máis sostible e vinculado á natureza”

Ferrol, 7 de xuño de 2022 A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá o Gran Hotel de Ferrol, un dos 32 establecementos adheridos ao Bono Turístico ‘Quedamos en Galicia 2022’ nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.

 

Unha iniciativa que, segundo remarcou a representante do Goberno autonómico, está a ter unha excelente acollida nesta terceira edición. Esta medida inxectou o pasado ano preto de 160.000 euros nos locais desta área.

 

“O turismo en Galicia está a coller moito auxe nos últimos anos e moi especialmente nas Rías Altas que teñen apostado por un turismo máis sostible, moi vinculado á natureza e iso estámolo a ver nas nosas comarcas onde o Camiño Inglés tamén está a ser un polo de atracción importante”, indicou a delegada territorial durante a visita ao hotel na que estivo acompañada do seu director, José Antonio Hernández.

 

Aneiros explicou que esta iniciativa pioneira permitiu inxectar 7,7 millóns de euros ao sector na pasada edición converténdose nun balón de osíxeno para inxectar liquidez sobre todo na tempada baixa a través do turismo interno dos propios galegos e galegas que se animaron a descubrir a súa comunidade. “De feito, os meses de maior consumo foron os do terceiro trimestre, o que ofrece unha idea da capacidade de desestacionalización desta medida”, lembrou.

 

A delegada da Xunta en Ferrol remarcou o compromiso do Goberno galego co turismo e a súa aposta como un dos motores da recuperación económica de Galicia trala pandemia. Puxo en valor tamén a profesionalidade do sector como unha das claves do éxito desta iniciativa turística.

 

Os establecementos adheridos este ano son: Muíño das Cañotas e hotel Pedramea, en Cariño; casa O Carreiro, pensión Leira Antiga e hotel Herbeira, en Cedeira; as axencias de viaxes ZT1422 e A Casa da Maleta, en Fene; as axencias B The Travel Brand, Nautalia Viajes, Viajes Paco, Viaxes Galitur e Viajes Ecuador e os hoteis Gran Hotel, Alda El Suízo, Parador de Ferrol e Valencia, en Ferrol; as pensións Granja Labrada Bed€Horses e Hostal La Marina, en Mañón; Casa Lourán e Casas do Campo, en Monfero; as axencias Viaxes Narón e Boken Viajes, en Narón; os apartamentos O Plantío, o hotel El Castaño Dormilón e a casa Penaquente, en Ortigueira; o hotel Eumesa, os apartamentos Camino do Eume e as axencias Eume Viajes e Viajes Ecuador, en Pontedeume, e os hoteis A Torre do Lago e Valdoviño e os apartamentos Las Olas by Pantín, en Valdoviño.

 
  

GASTO POR CONCELLO DO BONO TURÍSTICO 2021 EN FERROLTERRA

 
 
CONCELLO
IMPORTE
As Somozas
75,00 €
Cabanas
4.629,16 €
Cariño
6.262,89 €
Cedeira
8.739,78 €
Fene
9.390,50 €
Ferrol
84.941,28 €
Monfero
11.131,70 €
Mugardos
2.734,90 €
Narón
14.447,81 €
Ortigueira
6.284,00 €
Pontedeume
11.159,56 €
TOTAL

159.796,58 €

Imaxes relacionadas