A Xunta financia a contratación de 23 perceptores da Risga en seis concellos das bisbarras de Deza e Tabeirós cunha achega de 286.000€

O delegado territorial en Pontevedra, Luis López, informou desta nova concesión, orientada a reforzar os servizos públicos e a garantir a inclusión social destas persoas desempregadas, tras unha reunión na que analizou a resolución definitiva coa xefa territorial de Promoción do Emprego e Igualdade, Marta Mariño

Os concellos de Lalín e A Estrada, con 10 e 5 traballadores, respectivamente, son os municipios máis beneficiados e recibirán apoios de 112.844€ e 74.522€ para realizar estas contratacións, que tamén chegarán a Silleda, Vila de Cruces, Forcarei e Agolada

Lalín, 7 de xuño de 2022 A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, vai financiar a contratación de 23 traballadores temporais, entre persoas desempregadas en situación ou en risco de exclusión perceptoras da Risga, en seis concellos das bisbarras das Deza e Tabeirós-Terra de Montes cunha achega de 286.708 euros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou esta mañá desta nova concesión de traballadores a prol dos concellos, orientada a reforzar os servizos públicos municipais e a garantir a inclusión social destas persoas sen emprego, tras unha reunión celebrada no edificio administrativo de Campolongo na que analizou a resolución definitiva coa xefa territorial de Promoción do Emprego e Igualdade, Marta Mariño.

“Tras as importantes axudas outorgadas aos concellos da provincia para a contratación de socorristas e de persoal para prevención de lumes forestais a través do programa Aprol Rural, dende a Xunta volvemos a colaborar coas administracións locais, neste caso favorecendo a contratación de persoas en risco de exclusión que se adicarán, principalmente, a tarefas de limpeza e obras públicas, o cal redundará no seu crecemento persoal e integración social e tamén no interese xeral coa mellora e reforzo dos servizos públicos”, detallou o representante autonómico.

Os concellos de Lalín e A Estrada, con 10 e 5 traballadores, respectivamente, son os municipios máis beneficiados da zona e recibirán un apoio económico da Xunta de 112.844 euros e de 74.522 euros para sufragar os seus salarios. Ademais, tamén se outorgaron axudas para os municipios de Silleda, Vila de Cruces, Forcarei e Agolada. Todos os traballadores terán un contrato por espazo de nove meses e unha xornada do 75% do réxime xeral.

 

Resolución da liña de axudas para a contratación de perceptores da Risga

Concello
Perceptores Risga
Traballadores
Axuda
Servizo
Lalín
78
10
112.844€
Administración e Obras
A Estrada
34
5
74.522€
Mantemento de espazos
Silleda
8
2
23.028€
Mantemento de vías
Vila de Cruces
7
2
27.625€
Coidado de espazos verdes
Forcarei
2
2
29.212€
Obras públicas
Agolada
9
2
19.474€
Limpeza e mantemento

Deste xeito, e tras a resolución destas tres derradeiras ordes de emprego temporal para o reforzo dos servizos públicos e o favorecemento da inclusión laboral, os oito concellos destas comarcas van poder incorporar de inmediato a 48 persoas para tarefas de socorrismo, prevención de lumes forestais co Aprol Rural ou as encomendadas individualmente na liña do Risga grazas a unha achega global de 523.990€ da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Imaxes relacionadas