A Xunta inicia a exposición pública do parcelario do proxecto básico dos polígonos agroforestais de Cualedro e de Oímbra

A revisión do parcelario é a primeira das actuacións do proxecto básico e consiste na comprobación sobre o terreo da precisión das parcelas existentes mediante revisión das estremas das fincas

Sométese a exposición pública durante 20 días hábiles na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e no taboleiro de anuncios de cada concello no que se localice o polígono agroforestal

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2022 A  Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, inicia a exposición pública do parcelario do proxecto básico dos polígonos agroforestais de Cualedro e de Oímbra.

 

Así, o proxecto básico é un documento técnico que elabora dita axencia logo de producirse a declaración de utilidade pública dun polígono agroforestal. Neste senso, a revisión do parcelario é a primeira das actuacións do proxecto básico e consiste na comprobación sobre o terreo da precisión das parcelas existentes mediante revisión das estremas das fincas.

 

Desta forma, unha vez elaborado o plano parcelario de cada un dos polígonos, sométese a exposición pública durante 20 días hábiles na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e no taboleiro de anuncios de cada concello no que se localice o polígono agroforestal.

 

Os interesados poderán consultar dito plano na seguinte ligazón: https://agader.xunta.gal/gl/recuperacion-de-terras/poligonos-agroforestais/proxecto-basico/revision-parcelario/ ou ben achegándose ao seu respectivo concello.

 

Polígonos agroforestais

Cabe lembrar que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a finais do pasado ano os dous acordos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural que iniciaban os procedementos de aprobación para o desenvolvemento dos dous primeiros polígonos agroforestais de iniciativa pública nos concellos ourensán de Oímbra e Cualedro, ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.

 

O obxectivo prioritario de ambos polígonos será poñer en produción áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva que acadaron co paso do tempo estados de abandono ou infrautilización, recuperando deste xeito unha acaída actividade de explotación agrícola ou forestal.

 

Cómpre sinalar que as causas polas que se procedeu desenvolver estes dous polígonos foron a existencia dunha situación produtiva que permite presumir un estado de abandono ou infrautilización dun mínimo do 50% da superficie de terras do polígono agroforestal, así como a disposición de documentos de manifestación do acordo das persoas acadando ata un 70% da superficie das terras incluídas no perímetro proposto.

 

Así, o polígono agroforestal de Cualedro constará de 64 hectáreas -cunhas 70 parcelas de 70 propietarios- que se dedicará esencialmente á gandería en extensivo. O polígono de Oímbra contará cunha superficie de case 22 hectáreas -cunhas 70 parcelas de 73 propietarios- para uso de produtos de horta, incluíndo os da indicación xeográfica protexida Pemento de Oímbra.

 
Enlace ao acordo do polígono de Oímbra:
 
Enlace ao acordo do polígono de Cualedro: