A Comisión Galega de Control da Violencia toma cartas respecto á venda de alcol en instalacións deportivas e traballa sobre once novos expedientes

En total incoáronse sete procedementos sancionadores na novena xuntanza da Comisión Galega de Control da Violencia

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2022 O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presidiu unha nova reunión -a novena- da Comisión Galega de Control da Violencia. Nesta nova xuntanza estudáronse un total de once novos expedientes dos que se decidiu incoar procedemento sancionador en sete deles. Neste sentido, a Comisión decidiu remitir á Comisión Estatal contra la Violencia, el Racismo, la Xenofobia y la Intolerancia en el Deporte un expediente sobre a venda de alcol nas instalacións deportivas nun partido de Copa do Rei, así como incoar procedemento sancionador noutro caso de venda de alcol, neste caso nun partido de Liga Nacional xuvenil. Ademais, incoáronse outros procedementos sancionadores para un expediente sobre insultos reiterados dun afeccionado nun partido de Liga Galega cadete, para outros catro expedientes relativos a unha pelexa entre afeccionados nun partido de Liga Nacional xuvenil e para unha rifa producida nun partido alevín de competición galega.

 

Tamén se informou acerca doutros tres expedientes referidos a un caso de agresión a un árbitro dun partido de Liga Galega xuvenil, que xa foi sancionado pola propia Real Federación Galega de Fútbol cunha inhabilitación de dous anos; outro sobre insultos racistas nun partido de rugby sénior e outro máis no que se abriron dilixencias previas.

 

O secretario xeral para o Deporte e presidente da Comisión Galega de Controla da Violencia, José Ramón Lete Lasa, insistiu, unha vez máis, na “responsabilidade na salvagarda dos valores esenciais no deporte” e uniu este deber cos clubs, entidades deportivas e federacións, así como ás persoas organizadoras de competicións e espectáculos tal e como marca a Lei 3/2012, do 2 de abril, do Deporte de Galicia.

Imaxes relacionadas