O conselleiro do Medio Rural participou por videoconferencia no Consello Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios

Galicia traslada ao Goberno central os resultados do informe de custos no vacún de carne que constata a situación xeneralizada de venda a perdas no sector

José González pediu ao ministro Planas que se implique con forza para facer fronte a esta realidade e que traballe para facer cumprir a Lei nacional da cadea alimentaria, que prohibe expresamente a venda a perdas

Lembrou tamén que por parte da Xunta estase mantendo unha rolda de contactos -iniciada xa o pasado venres cos gandeiros da Asociación da Suprema- cos diferentes actores da cadea de valor da carne para involucralos na procura de solucións

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2022 O conselleiro do Medio Rural, José González, trasladou esta mañá ao Goberno central o estudo de custos de vacún de carne que acredita a situación xeneralizada de venda a perdas neste sector. Fíxoo durante a súa intervención no Consello Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios, no que participou por videoconferencia, e que estivo presidido polo ministro de Agricultura, Pesca y Alimentación, Luis Planas.

 

Así, o conselleiro deu a coñecer os principais resultados do devandito informe, elaborado en colaboración coa Fundación Juana de Vega, e que constata que, en números redondos, existe unha diferenza de 1 euro por quilo entre o que terían que percibir os gandeiros de Ternera Gallega Suprema para cubrir os seus custos de produción e o que realmente cobran.

 

José González pediu ao ministro Planas que se implique con forza para facer fronte a esta situación e que traballe para facer cumprir a Lei nacional da cadea alimentaria, que prohibe expresamente a venda a perdas. Ademais, o conselleiro agradeceu a receptividade e a boa disposición do ministro diante desta demanda de Galicia, compartida tamén por outras comunidades autónomas.

 

O conselleiro lembrou tamén que por parte da Xunta estase mantendo unha rolda de contactos -iniciada xa o pasado venres cos gandeiros da Asociación da Suprema- cos diferentes actores da cadea de valor da carne para involucralos na procura de solucións a esta realidade. Así, proximamente está previsto explicar tamén os resultados do devandito estudo á industria e á distribución, co fin de que os distintos elos do sector colaboren para darlle sostenibilidade a este eido produtivo.

 

Precisamente, José González vinculou este labor co protocolo promovido pola Xunta e asinado no seo da cadea de valor do vacún de carne, e máis concretamente en Ternera Gallega, para frear a venda a perdas, así como con outras iniciativas postas en marcha pola Consellería do Medio Rural para paliar a situación e para valorizar esta produción. Medidas como o anticipo da PAC ou como a campaña de promoción, a nivel nacional, da carne de Ternera Gallega Suprema, cun investimento total de 1,4 millóns de euros achegados a partes iguais pola Xunta e pola Indicación Xeográfica Protexida.

Imaxes relacionadas