O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades visita o colexio CEIP Paradai e o instituto IES Ánxel Fole

Román Rodríguez anuncia un novo investimento de 9M€ en seis obras de mellora en centros educativos da cidade de Lugo

Presenta as rehabilitacións integrais do Paradai e do Ánxel Fole, que suporán un aforro enerxético medio do 40% aproximadamente

A elas sumarase a do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, mentres que xa está licitado o ascensor do colexio CEIP A Ponte

Lugo, 6 de maio de 2022 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, anunciou hoxe a inminente licitación das obras de rehabilitación integral do colexio CEIP Paradai e do instituto IES Ánxel Fole, centros que visitou esta mañá, así como a do instituto IES Nosa Señora dos Ollos Grandes.

 

“Unhas actuacións que se enmarcan nun compromiso claro da Xunta coa cidade de Lugo, na que temos programado neste momento un investimento case inmediato de máis 9 M€ en obras en seis centros educativos, o que o converte na cidade galega con maior inversión en obras educativas neste momento”.

 

A este respecto explicou que, ademais das tres devanditas obras, xa está licitado o ascensor do colexio CEIP A Ponte. Ademais, nunhaS semanas licitarase a creación dunha central de biomasa que dará servizo a este último centro, ao IES Lucus Augusti, ao colexio CEIP Anexa, ao Centro Integrado de FP Politécnico, á Facultade de Formación do Profesorado, ao Xulgado de Primeira Instancia, ao Complexo Residencia Lug I e ao Albergue Lug II. A maiores, está prevista para finais de ano a licitación da rehabilitación integral do instituto IES Lucus Augusti, obra que non se pode realizar ao mesmo tempo ca a dos Ollos Grandes por cuestións técnicas.

 

“Só no período 2020/21 achegamos máis de 8M€ á mellora dos colexios e institutos lucenses, con actuacións tan importantes como a construción do novo colexio CEIP Sagrado Corazón”, lembrou o conselleiro. Así mesmo, acometeuse a ampliación do CIFP Politécnico e dos talleres de Formación Profesional do IES Sanxillao e a do IES Muralla Romana, entre as principais actuacións.

 

O representante do Goberno galego sinalou que estas actuacións se enmarcan no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, dotado de 191M€, a través do que se está a realizar a transición cara un novo modelo de centros educativos do século XXI, máis amplos, máis sustentables desde o punto de vista medioambiental e adaptados aos novos retos tecnolóxicos.

 
Actuacións nos dous edificios

No caso do colexio CEIP Paradai, a obra ten un orzamento de licitación de 960.527,96€ e un prazo de execución de cinco meses. Con esta actuación acadarase un aforro enerxético anual do 37,40% en consumo de enerxía e do 38,60% en emisións de CO² no edificio de Infantil, mentres que no edificio principal o aforro será do 28,50% e do 29,60%, respectivamente.

 

O proxecto contempla, con carácter xeral, a substitución das carpinterías exteriores e dalgunhas das interiores por unhas de maior estanquidade ao aire e unha maior resistencia térmica, con vidro dobre con cámara de aire e sistema de apertura oscilobatente; así como das caixas de persianas existentes por un sistema monoblock con illamento incorporado.

 

Así mesmo, aplicarase illamento térmico mediante inxección na cámara de perlas expandidas de EPS e, na cara inferior dos forxado dos porches, mediante un falso teito continuo de cartón xeso hidrófugo con un illamento de lá de roca adherido ao forxado.

 

Tamén se mudarán as luminarias existentes por equipos de alta eficiencia enerxética con regulación lumínica e detectores de presencia nas zonas comúns e faranse melloras xerais no sistema de calefacción (cambio das válvulas dos radiadores, instalación de termostato nas aulas...). Ademais, realizaranse traballos de pintura e de pulidos dos solados de terrazo.

 

A maiores, no edificio principal, cambiarase a cuberta de pizarra por unha nova de panel sándwich e substituiranse os lucernarios de cuberta, canlóns e baixantes. Neste bloque tamén se reformarán os aseos, colocarase falso teito e pavimento de pvc en varias zonas e acometeranse traballos complementarios, entre os que destacan a instalación dun ascensor a creación dunha nova rampla de acceso na entrada principal.

 

No caso do bloque de Infantil, cambiaranse as baixantes, reformaranse os aseos e construiranse algún novos e colocarase falso teito e pavimento de pvc. Os traballos completaranse coa instalación de solado continuo de caucho no porche

 
Máis de 1,4M€

A actuación no instituto IES Ánxel Fole ten un orzamento de licitación de 1.431.250,17€ e un prazo de execución de cinco meses. Todas as actuacións que se realizarán neste centro redundarán nun aforro enerxético anual do 52,10% en consumo de enerxía primaria e do 55,90% en emisións de CO² no bloque 1 do edificio principal, mentres que no bloque 2 o aforro será do 38% e 39,90%, respectivamente.

 

Neste caso, o proxecto contempla, con carácter xeral, a substitución das carpinterías exteriores existentes por unhas de maior estanquidade ao aire e unha maior resistencia térmica (con vidro dobre con cámara de aire e sistema de apertura oscilobatente), así como das caixas de persianas por un sistema monoblock con illamento incorporado.

 

As fachadas illaranse mediante a colocación de sistema de illamento térmico polo exterior (SATE), mentres que na cara inferior dos forxados dos porches se fará coa colocación de falso teito continuo de cartón xeso hidrófugo cun illamento de lá de roca adherido ao forxado.

 

A maiores, colocaranse luminarias de alta eficiencia enerxética con regulación lumínica e detectores de presencia nas zonas comúns e acometerase unha mellora xeral das caldeiras e radiadores.

 

O programa de necesidades complétase coa reforma de parte dos aseos, coa ampliación da biblioteca, a redistribución de aulas e de vestiarios, a substitución de baixantes, a instalación de falso teito modular e traballos de pintado, entre outros. Ademais, construirase un almacén na terraza.

Imaxes relacionadas