Trenor esixe ao Ministerio do Interior responsabilidade para completar os 500 efectivos da Policía Autonómica aprobados no catálogo

O delegado da Xunta na Coruña visitou a sede da Policía Autonómica da Coruña e insistiu na problemática do déficit de funcionarios xa que das 500 prazas aprobadas actualmente hai cubertas 364

Gonzalo Trenor destacou que fronte á actitude do Goberno central a Xunta dotou nos últimos anos de 70 novos vehículos aos axentes, renovou ou habilitou novas instalacións e levou a cabo unha importante dotación de equipamentos de comunicación e telemáticos

A Coruña, 6 de xuño de 2022

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá a sede da Policía Autonómica na Coruña. No encontro reclamou que o Ministerio do Interior aumente o número de efectivos da Unidade Policía Adscrita á Comunidade de Galicia (UPA), que reduciu o seu persoal nos últimos anos.

Neste sentido, o delegado da Xunta lembrou que para desempeñar as competencias con todas as garantías é necesario que o Ministerio de Interior reforce o persoal, en relación cos 500 postos do catálogo aprobado polo Ministerio e a Xunta de Galicia no seu día.

A UPA presenta na actualidade un gran déficit de funcionarios xa que das 500 prazas actualmente só hai cubertas 366.

Para cubrir estas vacantes, é totalmente necesario chegar a un acordo, xa que a posición do Goberno central mudou nos últimos tempos e despois de 30 anos da UPA, o Ministerio de Interior condiciona o reforzo do persoal a un importante desembolso económico por parte da Xunta que ata o de agora non se pediu, e que nunca se pediu nin a Galicia nin ás outras comunidades con policía adscrita como é o caso de Andalucía e Valencia.

A cobertura destas prazas é unha reclamación insistente e constante do Goberno galego, xa que permitirían exercer plenamente e coa necesaria dotación as competencias que a Unidade ten asumidas en materias tan importantes como medio ambiente, incendios forestais, menores, violencia de xénero, patrimonio histórico e cultural, xogo, marisqueo ilegal ou urbanismo, entre outras.

Trenor lembrou que durante os últimos anos intentouse en varias ocasións desbloquear a situación e comezar o proceso de ampliación de efectivos, ou cando menos, que se convocasen as vacantes que se habían ido producindo, reunións que nunca obtiveron o resultado esperado.

Por tanto, á única solución posible é traballar para que esa perda de efectivos non incida negativamente na prestación de servizos da Unidade, e isto pasa por racionalizar os servizos e priorizar as necesidades, optimizando as actuacións da Unidade, tal e como vén facendo cuns resultados satisfactorios nos últimos tempos, segundo indicou o delegado da Xunta.

Tras felicitar a esta unidade polo seu traballo, resaltou o "esforzo" que están a facer a pesar da "actitude do Ministerio de decidir non renovar as vacantes que se van producindo" o que, engadiu, "está a motivar unha rebaixa destes efectivos que fai complicado cumprir todas as súas funcións". "Por iso, remarcar este esforzo que fan para seguir cumprindo cun alto nivel de calidade, nos labores que prestan", agregou.

O representante do Goberno galego reiterou que recuperar estes efectivos é urxente xa que nos últimos anos as competencias da Policía Autonómica se viron incrementadas cos dispositivos relacionados coa covid como co reforzo da seguridade polo Xacobeo 21-22 e nos Camiños de Santiago.

Compromiso da Xunta coa UPA

Trenor destacou que fronte á actitude do Goberno central a Xunta dotou nos últimos anos de 70 novos vehículos aos axentes, algúns deles destinados á protección e vixilancia dos Camiños de Santiago e á atención aos peregrinos neste Xacobeo Lembrou que todas as comisarías da Policía Autonómica nas cidades contan con novas e renovadas sedes

O parque móbil da unidade ascende a 130 vehículos, dos que 70 foron renovados pola Xunta nos últimos 5 anos. Con este importante esforzo dotouse aos distintos grupos operativos de vehículos especialmente adaptados ás súas funcións relacionadas coa protección do medio ambiente e do patrimonio cultural, a prevención e investigación de incendios, a loita contra o furtivismo e o marisqueo ilegal, a protección de menores e de vítimas de violencia de xénero, ou a vixilancia das rutas do Camiño de Santiago e a atención ao peregrinos, xunto coas súas funcións habituais en materia de seguridade.

Trenor tamén sinalou o importante esforzo na mellora das sedes da Policía Autonómica, por exemplo coas reformas levadas a cabo o ano pasado na sede central da unidade en Santiago de Compostela. Ademais, nos últimos anos creáronse novas sedes entre elas a da Coruña co traslado ao edificio de Portos de Galicia.

A adquisición de medios de transporte e a renovación das instalacións completouse cunha importante dotación de equipamentos de comunicación e telemáticos.

Imaxes relacionadas