O inicio da execución das obras da senda peonil na AC-214 en Sigrás, no Concello de Cambre, obrigarán ao corte da estrada a partir deste mércores

Esta actuación de mellora da mobilidade peonil e da seguridade viaria inclúe a execución de muros de sostemento para conseguir unha plataforma ampliada, para o que é necesario o corte do tráfico, salvo para residentes, entre a N-550 e a AC-213

Para minimizar a afección no tráfico durante esta fase dos traballos, cuxa duración estimada é de catro meses, habilitase a circulación dos vehículos a través do parque empresarial de Alvedro e a AC-213

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2022 O inicio das obras de construción da nova senda peonil na estrada AC-214 en Sigrás, no concello de Cambre, obrigarán ao corte da vía autonómica a partir deste mércores, día 8 de xuño.

 

Os traballos de execución deste itinerario na AC-214 céntranse no tramo que vai desde a intersección tipo glorieta coa AC-213 e a N-550, dentro dos núcleos da Telva, A Xira e A Pena de Sigrás de Abaixo, e suporán un investimento da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade de máis de 740.000 euros.

 

Esta intervención de mellora da mobilidade peonil e da seguridade viaria execútase nun treito da vía autonómica con pouca dispoñibilidade de espazo, o que fai necesario a execución de muros de sostemento para conseguir unha plataforma ampliada na que se poida dispoñer a senda. Así, a partir deste mércores, día 8, será necesario o corte total do tráfico, salvo para residentes, entre a N-550 e a AC-213.

 

Para minimizar a afección no tráfico durante esta fase dos traballos, cuxa duración estimada é de catro meses, habilitase a circulación dos vehículos a través do parque empresarial de Alvedro e a AC-213.

 

Máis en detalle, o novo itinerario en Sigrás, duns 720 metros de lonxitude, contará con pavimento de formigón e unha sección variable adaptada á configuración da estrada, que conta con edificacións nas súas marxes. En calquera caso, garántese a accesibilidade mediante unha sección mínima de 1,80 metros, máis 20 centímetros de bordo transitable de separación da calzada.

 

Ademais, ampliarase a calzada entre os puntos quilométricos 8+860 e 9+280, xa que a actual sección é insuficiente, e conseguiranse dous carrís de 3 metros e beiravías de 0,5 metros. Nas zonas nas que sexa posible acondicionarase banda de aparcadoiro.

 

A intervención, que no seu conxunto conta cun prazo de execución de 9 meses, complétase coa execución da necesaria drenaxe, sinalización vertical e horizontal, balizamento e defensas e acondicionamento de dúas das paradas de bus.

 

Esta intervención conta co financiamento dos fondos europeos FEDER React-UE como parte da resposta da Unión á pandemia da covid-19 dentro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

 
Sendas peonís en Cambre

A Xunta está a impulsar no Concello de Cambre a execución de tres sendas, que suporán a construción de 2,7 novos quilómetros de itinerarios peonís e ciclistas seguros, sostibles e integrados na paisaxe, cun investimento de case 2 millóns de euros.

 

A Xunta, ademais deste novo itinerario de Sigrás, está a iniciar a execución doutro Itinerario peonil e ciclista na AC-214, que posibilitará o enlace do núcleo de Cambre coa Xira, finalizando na AC-213, e que suporá un investimento de 585.000 euros. A actuación é susceptible de financiación a través dos fondos FEDER 14/20.

 

O departamento que dirixe Ethel Vázquez, tamén ten prevista outra senda na AC-213 na Telva, nos concellos de Cambre e de Culleredo, á que destinará arredor de 380.000 euros, habilitando dúas sendas diferentes e complementarias, cunha lonxitude total de 680 metros: 540 na estrada AC-213 e 140 metros no ramal ao polígono de Alvedro.