O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, formaliza esta colaboración co alcalde, Armando Castosa

A Xunta e o Concello de Cospeito asinan un acordo para que a Torre da Caldaloba sexa de titularidade municipal

Ao abeiro desta nova alianza, garantirase a recuperación, conservación e mantemento deste BIC, un dos máis de 700 cos que conta Galicia

“Este apoio económico de 100.000 euros fará posible que deamos un paso máis na posta en valor do patrimonio cultural do rural galego e avancemos no noso compromiso por manter viva a nosa historia”, indica Román Rodríguez

Cospeito (Lugo), 6 de xuño de 2022 A Xunta e o Concello de Cospeito asinaron hoxe un convenio de colaboración para que a Torre da Caldaloba sexa de titularidade municipal, o que supón que se garantirá a recuperación, conservación e mantemento deste BIC, un dos máis de 700 cos que conta Galicia. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, formalizou hoxe o acordo, dotado con 100.000 euros.

 

Como expresou o titular de Cultura da Xunta, o Goberno autonómico continúa así apostando pola conservación do patrimonio histórico do rural galego “a través duns investimentos que permiten a súa posta en valor e traballar de xeito coordinado cos concellos para manter viva a nosa historia”. Neste sentido, referiuse ao caso concreto da Torre de Caldaloba, por cuxa conservación vén apostando a Xunta, cuns primeiros traballos para a consolidación da estrutura e reducir o ritmo de degradación e, máis recentemente, cunha campaña arqueolóxica que puxo de manifesto o seu valor histórico ao constatar que puido estar asentada nun asentamento castrexo.

 

O acordo asinado hoxe dá resposta ao interese do Concello de Cospeito por adquirir a Torre e parte de parcelas ocupadas polos fosos e murallas co fin de poñer en valor este elemento singular da historia deste municipio lucense e de Galicia.  A torre foi declarada BIC en 1949. Tamén coñecida como Castelo de Vilaxoán, está na parroquia de San Martiño de Pino. É de época medieval e está datado nos séculos XIV-XV, período do que se conserva en pé unicamente a Torre da Caldaloba. Ten unha  importante significación histórica debido a súa relación coa revolta dos Irmandiños e co Mariscal Pardo de Cela.

Imaxes relacionadas