A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, selou co alcalde, José Luis Álvarez, o convenio para acometer estas actuacións

A Xunta e o Concello de Pantón investirán 650.000 € para dotar de abastecemento de auga potable 240 veciños das parroquias de Santiago de Castillón, San Vicente de Castillón e Santo Estevo do Mato

O acordo recolle que as obras, que se licitarán a finais de ano ou comezos do vindeiro, serán financiadas cunha achega da Xunta de 520.000 € e 130.000 € do Concello

Para dotar de servizo de abastecemento, acometeranse unha captación, de 120 metros de profundidade; un depósito de 100 m³; e disporanse 12 km de conducións

Pantón (Lugo), 6 de xuño de 2022

A Xunta e o Concello de Pantón investirán 650.000 euros para dotar de abastecemento de auga potable 240 veciños das parroquias de Santiago de Castillón, San Vicente de Castillón e Santo estevo do Mato.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, selou hoxe co alcalde, José Luis Álvarez, o convenio para dotar de rede de abastecemento 26 núcleos destas parroquias, xa que actualmente carecen deste servizo e as vivendas abastécense a través de pozos.

Para a realización das actuacións, o acordo recolle un investimento de 650.000 euros, dos cales 520.000 euros serán achegados pola Xunta e os outros 130.000 euros polo Concello. Estas intervencións serán financiadas no marco do eixo REACT EU do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da Covid.

Vázquez Mourelle sinalou que o obxectivo do Goberno galego é poder licitar as obras a finais deste ano ou comezos do que vén, para logo acometer uns traballos que teñen un prazo de 6 meses.

Para a licitación das obras é preciso que o Concello faga os trámites pertinentes e achegue a documentación necesaria: pór á disposición os terreos e proceder ao sometemento do proxecto a información pública e á aprobación en Pleno.

Características

A conselleira destacou que aínda que Pantón pertence á conca de responsabilidade estatal, á Confederación Hidrográfica do Miño Sil, a Xunta redactou o proxecto desta actuación e será a encargada de executar as obras para dotar de servizo de abastecemento estas tres parroquias de Pantón.

Explicou que se levará a cabo unha captación, de 120 metros de profundidade; se construirá un depósito de 100 m³, de estrutura de formigón armado; e adxacente unha caseta coa cámara de chaves, un grupo de presión equipado con dúas bombas con caudal variable e presión constante, e o equipo de cloración. 

Tamén se disporá unha rede de distribución, de tubaxe de polietileno de alta densidade. Así, serán 12 km de conducións, cunha parte de rede en presión naquelas zonas onde esta non é suficiente para levar a auga as casas e, no resto, por gravidade; ademais de 149 acometidas.

Lembrou que a Xunta promoveu a convocatoria dunha orde de axudas para o financiamento de actuacións de saneamento e abastecemento en municipios de menos de 5.000 habitantes, concedendo a Pantón dúas axudas por importe de 90.000 euros.

Estas axudas permitirán a implantación de sistemas de control e telemedida nas instalacións de abastecemento municipal, co fin de solucionar os problemas de turbidez en Tribás; e tamén avanzar na segunda fase do saneamento de Vilamelle.

Ethel Vázquez referiu que a Xunta é consciente das dificultades técnicas e financeiras que os municipios máis pequenos teñen para impulsar este tipo de infraestruturas.

A este respecto, recordou que para redobrar o acompañamento aos municipios o Goberno galego impulsou a Lei de mellora da xestión ciclo integral da auga, que entrará en vigor este verán. Esta lei pon á disposición de todos os municipios ferramentas para profesionalizar os seus servizos municipais da auga e ofrécelles un sistema voluntario de adhesión para, quen así o desexe, poida encomendar a xestión destes servizos á Xunta.

Ethel Vázquez tamén aproveitou o acto de sinatura do convenio para lembrar que a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil declarou o pasado venres a situación de alerta por seca nalgunhas zonas desta conca, e que tamén a conca da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa, de responsabilidade autonómica, está en situación de prealerta, polo que fixo un chamamento ao uso responsable da auga, restrinxindo as regas, evitando o lavado innecesario dos coches ou limitando o enchido das piscinas.

Infraestruturas viarias

A conselleira tamén citou outras actuacións que a Xunta está a impulsar en Pantón, en materia de infraestruturas, como a senda de Toiriz, na estrada LU-617, co proxecto en redacción xa avanzada; ou outra obra xa licitada, de mellora do firme das estradas LU-617 e LU-603, que comezará no verán e que suporá un investimento de 360.000 euros.

Imaxes relacionadas