Nace o Foro de Identidades e Disidencias Sexuais para identificar e dar resposta axeitada ás necesidades das persoas LGTBI

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e o Consello da Cultura Galega abrirán un proceso participativo para identificar as necesidades do colectivo e poder definir os recursos e servizos que precisan

Trátase de actualizar a información existente para poder previr as condutas violentas LGTBIfóbicas en calquera das súas manifestacións

Galicia é referente por contar desde 2014 cunha lei propia que garante a igualdade de trato e a non discriminación, e desde 2018 cun Observatorio no que se dá voz ás entidades que representan ao colectivo, que será convocado de novo este mes
 

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2022

 

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, presentaron hoxe o Foro de Identidades e Disidencias Sexuais, un espazo pioneiro, que, como destacou a conselleira, permitirá actualizar a información sobre as necesidades das persoas LGTBI para darlles unha resposta axeitada -mediante os recursos e servizos que poidan demandar- e previr as condutas violentas contra o colectivo.

A Consellería de Promoción do Emprego colabora nesta iniciativa co Consello da Cultura Galega co obxectivo de avanzar “para lograr unha sociedade en igualdade de condicións e de oportunidades para todas elas”, indicou Lorenzana.

“É preciso recoñecer que aínda hoxe en día as actitudes e condutas homofóbicas e transfóbicas están profundamente arraigadas na nosa sociedade, expoñendo cun enfoque negativo a moitas persoas homosexuais, bisexuais, transexuais e intersexuais”, indicou a conselleira, quen remarcou que afecta a todas as idades e lugares de residencia. “Coñecer en profundidade esta realidade e a situación actual, identificando e falando abertamente das necesidades fundamentais do colectivo para poder darlles un resposta e mellorar como sociedade, cunha metodoloxía activa, participativa e inclusiva, é un dos obxectivos deste Foro de Identidades e Disidencias Sexuais de Galicia”, remarcou.

O traballo do Foro concluirá o vindeiro ano coa presentación dos resultados e dunha guía práctica que axudará a orientar actuacións e medidas para lograr a plena igualdade e a non discriminación das persoas LGTBI.  

A Xunta defende unha igualdade real e efectiva que, a través do Foro, se analizará desde prismas como a participación pública, a seguridade, a educación e a sanidade, o ámbito laboral, territorial, os servizos sociais e o idadismo, o pensamento e a cultura, a memoria viva e a diversidade e as violencias.

Os traballos do Foro artellaranse, así, en cinco eixos para debuxar “un mapa social e institucional completo que contará coa participación de universidades, persoal da administración, asociacións e colectivos LGTBI”, recalcou a conselleira. Todos estes interlocutores aportarán as súas necesidades e demandas coa finalidade de “obter un documento útil que permita contribuír a deseñar políticas públicas encamiñadas a previr a violencia LGTBIfóbica, en calquera das súas manifestacións, e alcanzar a plena igualdade de oportunidades para calquera persoa na nosa contorna”, engadiu Lorenzana.

Aproveitando a ocasión, a titular de Igualdade anunciou que o próximo 13 de xuño, inaugurarase no IES Rosalía de Castro de Santiago, a exposición divulgativa sobre evolución histórica do movemento LGTBIQ+, outra das accións que se enmarcan no acordo de colaboración entre a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e o Consello da Cultura Galega.

Compromiso reforzado

Galicia garante o principio de igualdade trato e de non discriminación por razón de orientación sexual e identidade de xénero e artella medidas para previr, corrixir e eliminar as discriminacións nos sectores público e privado, desde hai anos, a través da lei 2/2014 pola Igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais de Galicia, sendo a primeira comunidade cunha lexislación neste eido.

A comunidade conta ademais co Observatorio contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero, outra iniciativa pioneira que se constituíu en 2018. “Un órgano colexiado, con carácter consultivo e de participación social, aberto a todas as organizacións que desexen unirse para sumar esforzos na loita contra a discriminación por razón de orientación sexual ou identidade de xénero”, incidiu a conselleira, quen lembrou que tras aprobarse o seu regulamento de funcionamento o pasado ano, este mes de xuño realizarase unha nova convocatoria.  

A Xunta celebra cada ano, por outra banda, acordos de colaboración coas principais entidades representativas das persoas LGTBI na comunidade (Arelas, Casco, Nós Mesmas, Alas, Les e Pvlse LGTBIQ+), dotados con 6.000 euros para cada entidade, un importe que se duplicou en 2021.