A Xunta asina co concello de Gondomar o convenio polo que Augas de Galicia continuará a xestionar a depuradora municipal, destinado un investimento de case 1,4 M€

A Xunta mantén o apoio á entidade local nas súas competencias, garantindo o funcionamento da depuradora, tras destinar desde 2005 case 9,2 M€ á xestión da instalación, cunha capacidade de depuración para una poboación de 24.000 habitantes

O traballo da entidade hidráulica da Xunta permitirá seguir garantindo que as augas residuais do municipio reciben o tratamento axeitado

A prestación dos servizos de saneamento e abastecemento é unha responsabilidade municipal, pero a Xunta proporciona o seu apoio técnico e financeiro aos concellos que o precisen, encargándose actualmente da xestión de 28 depuradoras
 

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, en calidade de presidenta de Augas de Galicia, asinou vía telemática un novo convenio de colaboración co Concello de Gondomar, polo que a Xunta de Galicia continuará a facerse cargo da explotación da depuradora de augas residuais de titularidade municipal.

 

Mediante este acordo, Augas de Galicia renova esta concesión para os vindeiros 24 meses, estendéndoa ata o 30 de maio de 2024, polo que a entidade hidráulica da Xunta asume a explotación da depuradora municipal á que destinará un investimento de case 1,4 millóns de euros.

 

O departamento que preside Ethel Vázquez atende así a vontade manifestada polo Concello de Gondomar de que Augas de Galicia continúe a xestionar e explotar as instalacións e, en consecuencia, a prestación do servizo de depuración de augas residuais de competencia municipal.

 

Desde o inicio da colaboración con este municipio, a Xunta leva investidos case 9,2 millóns de euros na xestión da depuradora municipal, proxectada para o tratamento dun caudal medio de 6.720 m³/día e unha capacidade de depuración estimada para unha poboación de 24.000 habitantes equivalentes.

 

En virtude deste convenio, a Xunta comprométese a continuar a levar a cabo a explotación das instalacións da depuradora de augas residuais de Gondomar nas condicións técnicas axeitadas á súa capacidade e deseño e ás exixencias ambientais vixentes, realizando as actuacións oportunas para a súa axeitada conservación e mantemento.

 

A explotación e mantemento das infraestruturas hidráulicas teñen como obxectivos garantir a correcta depuración das augas residuais e ofrecer uns servizos que respondan ás necesidades reais da poboación.

 

A prestación dos servizos de saneamento e abastecemento é unha responsabilidade de carácter municipal. Non obstante, a Xunta de Galicia vén proporcionando o seu apoio técnico e financeiro aos concellos que o precisen.

Os traballos inclúen a retirada nas debidas condicións hixiénicas, o transporte e a vertedura de graxas, areas e residuos das reixas e tamices, o desecado dos lodos producidos e a conservación en bo estado da totalidade dos elementos, instalacións e equipos da planta.

A cooperación da Xunta co Concello de Gondomar permite a mellora da calidade de vida das poboacións asentadas entorno ás rías, o aumento da competitividade económica e o fomento do turismo, así como a mellora da produtividade no sector marisqueiro.

 

Na actualidade o organismo hidráulico da Xunta encárgase de prestar estes servizos de depuración en 28 estaciones depuradoras de augas residuais.

 

O Goberno galego impulsou a Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, agora mesmo en trámite parlamentario e que se prevé que entre en vigor en verán.

 

A través desta lei, a Xunta porá á disposición dos concellos ferramentas para profesionalizar os servizos da auga e un sistema voluntario para garantir unha xestión de calidade, respondendo ás carencias derivadas das dificultades técnicas e financeiras que teñen moitos municipios na xestión da auga.