O presidente da Xunta participou esta mañá no acto de sinatura da Alianza Galega polo Clima

Rueda gaba a implicación das empresas e a sociedade civil na loita contra o cambio climático

“Universidades, autoridades portuarias, empresas e industria e outras entidades unimos hoxe as nosas forzas e todos xuntos, sector público e privado, traballaremos cos mesmos obxectivos e a mesma filosofía: deixar unha Galicia mellor ás vindeiras xeracións”, di

Explica que formar parte desta sinatura supón asumir as liñas estratéxicas que cada ano se irán marcando, ademais dunha serie de deberes, como: establecer accións dirixidas á mitigación do cambio climático en Galicia; ou fomentar o intercambio de información científica, tecnolóxica, socioeconómica ou xurídica sobre esta materia

Salienta que esta alianza é un pacto aberto ao que poderán adherirse todas aquelas entidades que o desexen, “porque queda moito por facer, pero xuntos será máis doado”, incide

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2022

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, gabou hoxe a implicación das empresas e a sociedade civil na Alianza Galega polo Clima para traballar, unidos e cos mesmos obxectivos, na loita contra o cambio climático.

“Universidades, autoridades portuarias, empresas e industria e outras entidades unimos hoxe as nosas forzas e todos xuntos, sector público e privado, traballaremos cos mesmos obxectivos e a mesma filosofía: deixar unha Galicia mellor ás vindeiras xeracións”, abundou.

Durante o acto de sinatura, Rueda lembrou que hai moitas maneiras de contribuír a frear o cambio climático: “Fano as industrias que modifican o seu sistema de produción para facelo máis eficiente e sustentable; fano as universidades cando investigan e deseñan sistemas para favorecer esa produción respectuosa co medio; e fano as empresas que optan por produtos máis sostibles e ecolóxicos ou que desenvolven tecnoloxía que mellora e preserva a contorna”.

Nesta liña, salientou a oportunidade que supoñen os fondos europeos Next Generation para consolidar e impulsar iniciativas innovadoras como o proxecto para desenvolver fibras téxtiles a partir da madeira.

Ao longo da súa intervención, o titular do Goberno autonómico explicou que formar parte desta alianza supón asumir as liñas estratéxicas que cada ano se irán marcando, ademais dunha serie de deberes, como: establecer accións dirixidas á mitigación do cambio climático en Galicia; fomentar o intercambio de información científica, tecnolóxica, socioeconómica ou xurídica sobre esta materia; promover e apoiar a investigación vinculada ao clima; ou impulsar o desenvolvemento e a difusión de tecnoloxía para a transición cara a sistemas de enerxía de baixas emisiones.

Galicia continúa a senda comezada hai xa uns anos

Alfonso Rueda aseverou que, con esta sinatura, a Comunidade continúa a senda comezada hai xa uns anos pola Xunta: coa posta en marcha da Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050, unha folla de ruta aprobada en 2019 e cuxo primeiro plan operativo 19/23 conta con 171 medidas e cun investimento de preto de 1.300 millóns de euros; coa Estratexia galega de economía circular 2020-2030; coa Lei de residuos e solos contaminados de Galicia; co Pacto das alcaldías para o clima e enerxía, ao que están adheridos 285 concellos; e coa futura Lei do Clima de Galicia que, previsiblemente, estará aprobada a finais deste ano 2022.

Así mesmo, destacou o obxectivo de acadar a neutralidade climática no 2050. Un esforzo e compromiso que xa está a dar os seus froitos, xa que Galicia logrou reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro case un 36% desde 1990, o que supón máis de 30 puntos menos que a media nacional.

O presidente da Xunta concluíu facendo fincapé en que esta alianza é un pacto aberto ao que poderán adherirse todas aquelas entidades que o desexen, “porque queda moito por facer, pero xuntos será máis doado”, sentenciou.

Imaxes relacionadas