A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, asinou esta mañá o convenio para a súa adhesión a esta iniciativa

A Xunta incorpora o concello de Rodeiro ao programa Xantar na casa

Con esta incorporación son xa catro os municipios da comarca do Deza que se benefician desta iniciativa, coa que se ofrecen menús semanais, sans e equilibrados a 65 persoas maiores da zona

No conxunto de Galicia, o programa Xantar na casa chega a 195 concellos e beneficia a máis de 1800 persoas
 

Rodeiro (Pontevedra), 6 de xuño de 2022 A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, asinou esta mañá un convenio co Concello de Rodeiro para a súa adhesión ao programa Xantar na casa. Durante o acto, a conselleira lembrou que a través desta iniciativa, impulsada pola Xunta de Galicia, levaranse menús semanais, sans e equilibrados aos fogares de dez persoas maiores deste municipio que viven soas.

 

Fabiola García destacou que coa incorporación de Rodeiro xa son catro os concellos da comarca do Deza que se benefician deste programa. Deste xeito, 65 persoas maiores dos concellos de Lalín, Silleda, Vila de Cruces e, agora, tamén Rodeiro, pódense beneficiar desta iniciativa. No conxunto de Galicia son xa 195 concellos diferentes e benefícianse máis de 1.800 persoas. O Goberno galego destina un orzamento anual de 2 millóns de euros.

 

A conselleira apuntou que a Xunta conta cunha rede autonómica de servizos para permitir que as persoas maiores que así o desexen poidan vivir soas e recibir atencións e coidados na súa contorna. Neste sentido, referiuse ao Servizo de Axuda no Fogar, que achega coidados profesionais aos fogares de máis de 24.000 galegos; ou o autobús de Coidados porta a porta que leva servizos de audioloxía, podoloxía e estimulación da memoria aos concellos galegos.

Imaxes relacionadas