O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria inaugurou este certame, que se desenvolverá esta semana en Santiago

Comeza unha nova edición das catas oficiais dos viños, augardentes e licores tradicionais de Galicia que organizan a Xunta e os consellos reguladores

Este ano cataranse un total de 405 mostras, das cales 374 son de viño de 155 adegas e 31 mostras de augardentes e licores pertencentes a 12 empresas

Dous paneis compostos por unha vintena de expertos serán os encargados de avaliar totalmente a cegas as mostras concursantes

Santiago de Compostela, 06 de xuño de 2022 O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, presidiu esta mañá a inauguración en Santiago de Compostela dunha nova edición das Catas dos viños, augardentes e licores tradicionais de Galicia. En concreto, celebraranse a XXXIV Cata dos Viños, a XXIV Cata das Augardentes, a XI Cata dos Licores Tradicionais.

 

Así, este evento está organizado pola Consellería de Medio Rural e polos consellos reguladores, con fin de promocionar, identificar e premiar os mellores viños, augardentes e licores elaborados fundamentalmente con uvas de variedades autóctonas, produtos dotados dun carácter único e dunha personalidade recoñecible dentro e fóra da nosa comunidade.

 

Este ano cataranse un total de 405 mostras, das cales 374 son de viños -concretamente, 250 de branco e 124 de tinto- procedentes de 155 adegas das cinco denominacións de orixe e das catro indicacións xeográficas protexidas de viños galegos. Así mesmo, recolléronse un total de 31 mostras amparadas polas indicacións xeográficas das augardentes e licores tradicionais de Galicia, pertencentes a 12 empresas. Neste caso son 12 de augardente de Galicia, 9 de licor de herbas e 10 de licor café.

 
Proceso das catas

Unha vez finalizada a recollida de mostras o pasado mes de maio, ao longo desta semana cataranse as 405 mostras desta edición. No día de hoxe terán lugar as precatas e catas finais das augardentes e licores tradicionais. En canto aos viños, o martes e o mércores serán as precatas e o xoves e o venres celebraranse as catas finais.

 

Un grupo conformado por unha vintena de expertos catadores de diferentes ámbitos (asociacións, centros tecnolóxicos e científicos do sector vitivinícola, adegas e viñotecas), xunto con xornalistas especializados, serán os encargados de cualificar os viños e as augardentes e licores nunha cata a cegas da que sairán os gañadores do concurso. Ademais, o xurado encargado da supervisión de todo o proceso da cata estará integrado por un secretario, membro do persoal da Área de Calidade Alimentaria da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, e como vogais asistirán representantes dos consellos reguladores e membros do Departamento de Promoción da Calidade Alimentaria da devandita axencia.

 
Galardóns

A organización outorgará un premio (trofeo e diploma) para o mellor viño branco e outro para o mellor viño tinto de Galicia, elixido entre os brancos e tintos mellor puntuados de cada denominación de orixe. Ademais, para cada denominación outorgaranse ata tres premios (Acio de Ouro, de Prata ou de Bronce) aos tres viños mellor valorados, así como aos Viños da Terra, colleiteiros, colleitas anteriores, madeira, espumosos, tostados e ecolóxicos (o número de premios por categoría sempre irá en función do número de mostras participantes).    

 

No que se refire ás augardentes, cataranse este ano tres categorías: Augardente de Galicia, Licor de Herbas de Galicia e Licor Café de Galicia, que recibirán o Pote de Ouro, de Prata ou de Bronce, segundo a valoración das mostras.

Imaxes relacionadas