O 061 de Galicia asistiu 90 persoas por 56 accidentes de circulación durante a fin de semana

Desde as 15,00 horas do venres, 3 de xuño ata as 23,59 horas do domingo, 5 de xuño, a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recibiu 78 chamadas por accidentes de tráfico

A Estrada (Pontevedra), 6 de xuño de 2022 Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a fin de semana 90 persoas debido a 56 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende desde as 15,00 horas do venres, 3 de xuño, ata as 23,59 horas do domingo, 5 de xuño. O domingo foi o día que rexistrou máis sinistros, con 26 accidentes de tráfico.

 

A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en Galicia, recibiu nestes días 78 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 56 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atendeu un total de 90 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 56% e do 44% respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 29% dos atendidos tiña entre 40 e 54 anos.

 

Por provincias, Pontevedra foi a que máis sinistros rexistrou con 23 accidentes de tráfico durante os desprazamentos destas datas.

 
Provincia
Accidentes
A Coruña
21
Lugo
6
Ourense
6
Pontevedra
23
Galicia
56
 

Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 76. Así, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado asistiron en nove accidentes, o helicóptero medicalizado atendeu nunha ocasión, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico mobilizáronse en 60 sinistros e os equipos sanitarios de Atención Primaria que completan a dotación das ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en seis accidentes.

 

En 80 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes e en 10 ocasións atendeuse no propio lugar do incidente.