A Xunta convoca unha nova liña de axudas ás salas de concertos dotada con 600.000 euros para reactivar a Rede Galega de Música ao Vivo

Poden solicitalas os espazos privados de exhibición musical para a contratación de actuacións ata o 30 de setembro de 2023 ao abeiro deste circuíto autonómico e como parte da celebración do Xacobeo 21-22

Está incluída no paquete de medidas para o sector musical que a Consellería de Cultura está a poñer en marcha dentro do seu Hub Audiovisual da Industria Cultural

O novo modelo de financiamento a través de subvencións aos locais, unha programación 100% galega, o establecemento de cachés mínimos para cada integrante dos grupos contratados ou o impulso da presenza de artistas femininas son algunhas das novidades da Rede nesta nova xeira
 

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2022

A Xunta acaba de abrir o prazo de solicitude das súas novas axudas ás salas privadas de concertos, dotadas con 600.000 euros para reactivar a Rede Galega de Música ao Vivo no marco do Xacobeo 21-22, así como para favorecer a estabilidade na programación destes locais. Trátase, ademais, dunha das medidas específicas para o sector musical que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades xestiona ao abeiro do Hub Audiovisual da Industria Cultural.

 

Segundo as bases publicadas no Diario Oficial de Galicia, esta liña de apoio convócase en réxime de concorrencia non competitiva e poden acollerse a ela aquelas salas de xestión privada, habilitadas legalmente para organizar espectáculos musicais con público, que presenten proxectos de programación como parte da Rede Galega de Música ao Vivo (modalidade A). As axudas poderán alcanzar o 100% do orzamento subvencionable, cun límite de 20.000 euros por proposta.

 

A maiores, os devanditos espazos teñen a posibilidade de optar a unha segunda modalidade co obxectivo de reforzar a súa oferta habitual de concertos. Neste caso, a achega pública será de ata o 80% dos gastos subvencionables, tamén cun máximo de 20.000 euros por proxecto.

 

Estabilidade na oferta musical

A Rede Galega de Música ao Vivo retoma a actividade despois de que as restricións sanitarias motivaran a súa suspensión e conseguinte substitución por outras vías extraordinarias de apoio á música en directo a través do Plan de reactivación do sector cultural. A súa recuperación busca garantir a estabilidade na programación musical en Galicia, máis alá dos eventos de gran formato, como parte dunha oferta cultural variada, descentralizada e próxima ao público.

 

Esta nova liña de axudas ás salas privadas de música ao vivo é unha das iniciativas postas en marcha pola Xunta a través do seu Hub Audiovisual da Industria Cultural, programa extraordinario que suporá unha inxección económica de 9,6 millóns de euros nas industrias culturais galegas a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.

 

Prazos de solicitude e de programación

Cada local pode presentar un proxecto que integre ambas as modalidades ou ben solicitar só a categoría A. En ambos casos, o prazo de solicitude permanecerá aberto ata o 5 de xuño ou ata o esgotamento dos fondos, mentres que o período de programación se estende ata o 30 de setembro de 2023, de xeito que a dotación de 600.000 euros se distribúe ao 50% entre 2022 e 2023.

 

Os requisitos de programación e de contratación definíronse en diálogo coas principais entidades representativas dos colectivos implicados, Músicas ao Vivo e a Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo (Clubtura), e varían en función da modalidade.

 

No caso da categoría A, esta convocatoria implica, ademais, unha serie de novidades no funcionamento da Rede para reforzar a súa profesionalización e a oferta de música galega, así como a presenza feminina nos escenarios, entre outros aspectos. Deste xeito, os proxectos de programación para o circuíto autonómico deben constar de entre 6 e 10 concertos por ano a cargo de solistas ou grupos que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia, dos que un 40% han ser prioritariamente de artistas femininas. Outros dos requisitos son o establecemento dun caché de cando menos 250€ por actuación para cada integrante das formacións contratadas e un prezo mínimo por entrada de 5 euros.

 

Pola súa banda, a modalidade B ten como obxectivo apoiar o desenvolvemento das programacións ordinarias das salas, cun mínimo de 25 e un máximo de 65 concertos ao ano, a maiores dos organizados dentro da Rede. Nesta categoría, a presenza de artistas galegos debe supoñer cando menos o 50% da proposta e é obrigatorio darlles visibilidade ás intérpretes femininas e que todos os concertos sexan de pago.

Imaxes relacionadas