A Xunta remata os traballos de conservación e limpeza en treitos interurbanos de seis ríos no concello de Outes

As tarefas leváronse a cabo nos ríos Entíns, Outes, Rial, Bendimón, Donas e un río innominado, no seu percorrido por distintos lugares do municipio

Os treitos obxecto das intervencións suman unha lonxitude total de 9 km

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2022 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, rematou a execución das actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos de seis ríos ao seu paso polo concello de Outes.

 

Os traballos, iniciados o pasado mes de febreiro, desenvolvéronse nos ríos Entíns, Outes, Rial, Bendimón, Donas e un río innominado, no seu percorrido por distintos lugares do municipio.

Os treitos obxecto das intervencións suman unha lonxitude total de 9 km.

 

Estes labores forman parte das intervencións de mantemento que leva a cabo Augas de Galicia nas áreas con risco potencial significativo de inundación.

 

Os traballos centráronse na roza selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas na canle para evitar atoamentos.

Unha vez finalizadas estas actuacións, os ríos quedan despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

 

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial Galicia-centro e nas súas zonas de acceso e protección.

A Xunta mantén activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos.

Imaxes relacionadas