A Xunta asina os acordos con Femuro, Fademur e Femupo para promover que a experiencia de mulleres rurais no coidado de menores teña recoñecemento profesional

A Xunta vén de firmar os convenios de colaboración coas tres entidades para informar, sensibilizar e formar ás mulleres susceptibles de obter o recoñecemento da experiencia laboral neste ámbito e elaborar un censo

Unha vez acreditada a experiencia profesional, estas mulleres poderán acceder aos postos de traballo dos servizos de coidado profesional que se habiliten a través do Plan Corresponsables

A iniciativa, pioneira en Galicia, forma parte das actuacións que está a levar a cabo o Goberno autonómico para facilitar a conciliación e a corresponsabilidade, un eido ao que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destina este ano 16 millóns de euros, máis do triplo que en 2021

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2022

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade vén de asinar os convenios de colaboración -por valor de 100.000 euros cada un- coa Federación provincial de Mulleres Rurais de Ourense (Femuro), a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (Fademur) e coa Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (Femupo) para levar a cabo, entre outros, accións de formación encamiñadas a un futuro recoñecemento da experiencia laboral das mulleres rurais no coidado de menores de ata 16 anos, inclusive, e á elaboración dun censo das mulleres rurais susceptibles de obter esta acreditación. O acordo enmárcase na aposta da Xunta pola conciliación e a corresponsabilidade e a creación de emprego de calidade.

 

Unha vez que as mulleres teñan recoñecida oficialmente a súa experiencia laboral no coidado de menores, poderán acceder ás bolsas de coidado contempladas no Plan Corresponsables, é dicir, poderán optar aos postos de traballo necesarios para os servizos de coidado profesional dirixidos a facilitar a conciliación e a corresponsablidade. 

 

Con esta iniciativa, á que a Administración autonómica destina en total 300.000 euros a través do Plan Corresponsables, Fademur, Femuro e Femupo tamén se comprometen a levar a cabo accións de difusión e información sobre dito Plan, aprobado polo Estado co apoio das comunidades autónomas; editar material didáctico; e asesorar e formar con perspectiva de xénero ás persoas con experiencia laboral formal ou non formal sobre o coidado integral a menores e primeiros auxilios. A actuación inclúe tamén bolsas de axudas para facilitar a asistencia ás actividades que se promovan, dotadas cunha contía máxima de sete euros ao día.

 

A través dos convenios de colaboración financiaranse as diferentes accións que programen as federacións de mulleres rurais entre o 1 de outubro de 2021 e o 30 de novembro de 2022.

Con esta medida, que se leva a cabo por primeira vez en Galicia, dáse resposta a unha das liñas específicas do Plan Corresponsables, dotado este ano con 10,7 millóns de euros.

 

Conciliación e corresponsabilidade

A sinatura destes convenios de colaboración forma parte das medidas que está a desenvolver a Xunta de Galicia para a promoción da igualdade, especialmente as conducentes a facilitar a conciliación da vida familiar, laboral e persoal e a corresponsabilidade.

 

É un eido ao que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destina este ano 16 millóns de euros, máis do triplo que en 2021. O orzamento materialízase, entre outras actuacións, no programa Emega de apoio ao emprendemento feminino; en axudas para compensar a redución da xornada laboral e fomentar a corresponsabilidade; e en apoios para promover a flexibilidade horaria e o teletraballo, ás entidades locais para fomentar a conciliación e aos autónomos para cubrir a baixa por maternidade ou paternidade ou ben para o coidado dos menores, maiores ou persoas dependentes.

 

A nova Lei galega de igualdade de mulleres e homes, ademais, dedicará un capítulo enteiro ao benestar laboral nas organizacións para acadar a integración da perspectiva de xénero no teletraballo e o fomento da calidade no emprego feminino. En concreto, ponse o foco en concienciar respecto da necesaria redistribución dos tempos de traballo, ofrecendo modalidades máis flexibles para desempeñar un posto de traballo e poder compatibilizar este exercicio coa atención das responsabilidades familiares e o desfrute da vida persoal. O Goberno galego traballa tamén no deseño do II Plan galego de conciliación e corresponsabilidade 2022-2025.

Imaxes relacionadas