O persoal da unidade de investigación de incendios forestais e do distrito de Santiago leva a cabo unha xornada divulgativa de prevención de incendios entre os nenos do Colexio la Salle

Desprazáronse ao centro educativo compostelán varios efectivos e diferentes brigadas para mostrar como se actúa ante os incendios e tamén as tarefas do seu día a día

Santiago de Compostela, 5 de Xuño de 2022 Efectivos e medios da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) e do distrito forestal III Santiago Meseta Interior da Xunta trasladáronse ao colexio compostelán La Salle para ofrecer unha xornada divulgativa e de formación a prol da prevención e a defensa fronte os incendios forestais.

O obxectivo do taller foi o de concienciar e instruír aos nenos sobre o coidado dos montes e a prevención, extinción e investigación dos incendios. Trataron temas relacionados co valor da natureza e a necesidade de velar pola súa conservación, así como sobre a importancia do noso patrimonio forestal e dos bosques de Galicia. 

Isto forma parte do Programa de sensibilización do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais (Pladiga), que está dirixido concretamente á poboación escolar para fomentar a súa concienciación.

 

Nesta xornada participaron dous axentes ambientais e dúas brigadas. Os axentes fixeron actividades lúdicas nas que trataron de dar énfase a importancia da prevención de incendios forestais e no traballo que realizan estes profesionais.

 

Todos os rapaces puideron participar activamente cos bombeiros levando a cabo prácticas dos seus labores habituais das actividades que lles propuxeron.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural