A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, vén de asinar co alcalde de Coristanco, Juan García, este acordo

A Xunta asina co concello de Coristanco o convenio para mellorar o sistema de abastecemento municipal, que suporá un investimento de máis de 765.000€

A Xunta achegará o 80% do financiamento, case 613.00 €, e asesorará tecnicamente á administración local para acadar o funcionamento efectivo das instalacións

O Concello contribuirá co 20% restante e asumirá a execución dos traballos, tendo en conta que o pasado 17 de febreiro declarou a emerxencia das obras de reforma da potabilizadora ante o risco de quedar sen este servizo

Coristanco (A Coruña), 4 de xuño de 2022 A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, vén de asinar co alcalde de Coristanco, Juan García, o convenio de colaboración para a mellora do sistema de abastecemento do municipio coruñés, que suporá un investimento de máis de 765.000 euros.

 

A Xunta, a través de Augas de Galicia, cofinanciará as actuacións nun 80%, achegando preto de 613.000 euros, ao tempo que asesorará á entidade local na execución dos traballos para acadar o funcionamento efectivo da potabilizadora.

 

O Concello de Coristanto contribuirá ao financiamento do 20% restante e asumirá a execución das obras para a mellora das instalacións de abastecemento municipal.

 

Este municipio conta desde o ano 1989 cun sistema de abastecemento que lle dá servizo ao 60% da súa poboación. Debido á antigüidade da estación e ao seu uso intensivo, as instalacións presentan deficiencias e precisan adaptar o seu funcionamento para o cumprimento dos estándares actuais.

 

A isto súmase que en febreiro produciuse unha avaría na estrutura do falso chan do sistema de filtración que implica unha perda do 50% da súa capacidade e un risco elevado de perder o outro 50% por sobrecarga.

 

Ante a situación de risco de quedar sen abastecemento municipal, o 17 de febreiro a entidade local declarou a emerxencia das obras de reforma da potabilizadora municipal, ordenando a súa execución no prazo máis breve posible.

 
 
 

Así, o acordo que se acaba de asinar dá resposta á solicitude do Concello de apoio na execución das actuacións necesarias para solucionar as deficiencias das instalacións e poñer fin ás interrupcións no servizo municipal de abastecemento de auga.

 

O Goberno galego mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz as súas responsabilidades nos servizos de saneamento, depuración e abastecemento e  continuar mellorando a calidade de vida da poboación no rural.

Imaxes relacionadas