A Xunta promove a importancia da reutilización e do aforro de recursos na creación de novos materiais para a economía circular

A Materioteca de Galicia abre a inscrición nun workshop de carácter híbrido sobre a transformación de materiais que terá lugar o 16 de xuño no CIS Tecnoloxía e Deseño de Ferrol

A xornada forma parte dun ciclo no que se exploran os novos materiais en relación con procesos que aumentan a vida útil dos produtos e reducen o impacto ambiental

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2022.- A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de innovación (Gain), organiza o vindeiro 16 de xuño o segundo workshop do ciclo dedicado a explorar as oportunidades de innovación que representan os novos materiais en relación con procesos que aumentan a vida útil dos produtos e reducen o impacto ambiental a través da recuperación, a reutilización, a reciclaxe e o ecodeseño.

Esta xornada do ciclo Sustentabilidade e circularidade dos materiais, organizado a través da Materioteca de Galicia no CIS Tecnoloxía e Deseño (Ferrol), terá como eixe central a transformación de materiais para a economía circular. Este evento está dirixido en especial a profesionais do deseño, da enxeñería e da construción con interese pola aplicación de novos materiais en procesos innovadores. A inscrición ao workshop pode formalizarse en: http://gain.xunta.gal/eventos/494/workshop.

As persoas que asistan poderán coñecer de primeira man procesos de transformación dos materiais atendendo a dúas vertentes: o rescate de materias primas procedentes de materiais refugados e a optimización do uso de materias primas escasas e do consumo de enerxía necesaria para producir novos materiais de forma máis sustentable.

Durante a primeira parte do workshop, que será retransmitido online, representantes da empresa Lavelle Europe e da Asociación de Recicladores de Construción e Demolición presentarán casos prácticos relativos a este tipo de procesos marcados pola sustentabilidade.

A continuación, terá lugar un taller práctico de carácter presencial a cargo de Materially no que tamén será presentado un estudo estratéxico sobre exemplos de materiais a nivel internacional cuxa sustentabilidade e adaptación aos criterios da economía circular foi mellorada a través dos procesos de transformación. Este estudo estará dispoñible en www.materioteca.gal desde o mesmo día da celebración do workshop.

A Materioteca de Galicia é unha iniciativa da Xunta de Galicia para dinamizar a implantación dos materiais innovadores na empresa galega a través do deseño. Trátase dun espazo de difusión de novos materiais que combina unha exposición física no CIS Tecnoloxía e Deseño e un arquivo dixital de mostras clasificadas con servizos especializados para facilitar a transferencia de tecnoloxías de materiais ao tecido empresarial e estimular a innovación intersectorial.