A Xunta comprométese a seguir traballando para que Galicia sexa un lugar cara a onde mirar no mapa cando se fala de políticas de igualdade

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou esta tarde na xornada Mulleres no camiño, organizada pola Asociación de Executivas de Galicia xunto con Empresarias y Directivas del Atlántico (EDA)

Galicia está a tramitar a Lei Autonómica de Igualdade e vén de aprobarse o novo Plan Estratéxico de Igualdade de Oportunidades entre homes e mulleres

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2022

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou esta tarde na xornada Mulleres no camiño, organizada pola Asociación de Executivas de Galicia xunto con Empresarias y Directivas del Atlántico (EDA), á que tamén asistiu a secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella. Na súa intervención, Conde comprometeuse a seguir traballando para que Galicia sexa un lugar onde mirar no mapa cando se fala de políticas de igualdade.

 

Para conseguilo, a Xunta está tramitando a nova Lei Autonómica de Igualdade que introduce o concepto de benestar laboral vinculándoo coas políticas de conciliación; e vén de aprobar o VIII Plan Estratéxico de Igualdade de Oportunidades entre homes e mulleres, con máis do dobre de investimento que o anterior -935M€- para incidir en medidas que axuden a mellorar o acceso ao mundo laboral, o emprendemento feminino e a eliminación da fenda salarial. Galicia tamén é pioneira en medidas como a gratuidade da educación infantil de cero a tres anos ou na “Lei Ángeles Alvariño”, que incentiva a conciliación no ámbito científico.

 

O vicepresidente económico explicou que a Xunta busca fomentar o emprendemento feminino e subliñou que en Galicia as mulleres que emprenden son case o dobre que os homes. Neste sentido, desde a Axencia Galega de Innovación estase apostando para que ese emprendemento tamén se poña de manifesto no eido da I+D+i, incorporando a perspectiva de xénero nos diferentes programas.

Imaxes relacionadas