A Xunta adxudica a construción dunha senda peonil na PO-252, en Pazos de Borbén

As obras, que suporán un investimento autonómico de máis de 44.000 euros, comezarán nas vindeiras semanas

A actuación atende á necesidade de contar cunha zona de circulación peonil independente do tráfico rodado na marxe dereita da estrada PO-252, entre os puntos quilométricos 10+640 e 10+845

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2022 A Xunta adxudicou as obras para a construción dunha senda peonil na estrada autonómica PO-252, en Pazos de Borbén.

As obras, adxudicadas á empresa Construcciones Lemos Martínez S.L. por un importe de 44.452 euros, comezarán nas vindeiras semanas.

 

Trátase da execución dunha senda peonil pola marxe dereita da estrada PO-252, entre os puntos quilométricos 10+640 e 10+845, xa que actualmente ese treito non conta con zona de circulación peonil independente do tráfico rodado. Deste xeito, a intervención dará continuidade ás beirarrúas existentes na travesía da PO-252 no núcleo de Xunqueiras.

 

Os traballos proxectados polo departamento de Infraestruturas da Xunta inclúen a execución dunha senda cun ancho mínimo de 1,8 metros, composta por unha capa de 16 centímetros de espesor de formigón cor terriza, reforzado con mallazo e bordos de formigón. A elevación con respecto da calzada será de 10 centímetros. Tamén se colocará pavimento táctil de botóns no vao peonil previsto.

 

Esta actuación fai necesario realizar a escavación do terreo ata unha profundidade de 30 centímetros que, posteriormente, se encherá cunha capa de chan do mesmo espesor. Nalgunhas zonas será preciso proceder a un retaluzado do noiro existente na marxe.

 

Inclúese a execución dunha canalización de drenaxe subterránea, formada por un colector de PVC de diámetro 315 milímetros, así como os correspondentes sumidoiros e pozos de rexistro que permitan a evacuación óptima da auga da plataforma e marxes.

 

Tamén se retranquearán dúas luminarias e un sinal vertical, e retirarase unha reixa para conseguir o ancho proxectado da senda.

 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade continúa mellorando a rede viaria autonómica para favorecer os desprazamentos a pé de modo máis seguro e sustentable.