A Xunta destaca a implicación de Galicia nas prioridades da Comisión Europea para avanzar nunha transición verde e dixital

O vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, clausurou a conferencia da Comisión de Recursos Naturais (NAT) do Comité Europeo das Rexións dedicada ao modelo de turismo en Europa baseado na sustentabilidade

Destacou a importancia do Camiño de Santiago na orixe da construción da identidade europea e os valores das rutas xacobeas, como puideron comprobar membros da Comisión NAT ao realizar un tramo xunto co director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2022

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, foi o encargado de clausurar hoxe xunto á presidenta da Comisión de Recursos Naturais (NAT) do Comité Europeo das Rexións, Ulrika Landergren, a conferencia Un modelo distinto de turismo en Europa: O Camiño de Santiago-Peregrinación, turismo e paisaxes naturais no marco da reunión deste órgano comunitario.

 

Galicia acolle por segunda ocasión de forma excepcional unha reunión externa da Comisión NAT fóra da súa sede en Bruxelas, neste caso en Santiago de Compostela e coincidindo con este Xacobeo 21-22. Nesta liña, segundo apuntou Diego Calvo, estas dúas xornadas de traballo permitiron validar o compromiso de Galicia co proxecto europeo e a implicación da comunidade nas prioridades da Unión Europea de cara ao futuro a través do Comité Europeo das Rexións.

 

Deste xeito, Galicia aposta por unha Europa forte e cohesionada que inclúa solucións desde a perspectiva rexional e local aos grandes retos marcados pola UE co obxectivo de avanzar cara unha transición dixital e unha economía verde.

 

No ámbito do turismo, o vicepresidente segundo da Xunta lembrou a importancia do Camiño de Santiago na orixe da construción de Europa e da identidade europea como así o acredita a declaración en 1987 polo Consello de Europa como Primeiro Itinerario Cultural Europeo. As rutas xacobeas supoñen ademais un reclamo desde o punto de vista do sector turístico e de desenvolvemento económico e unha oportunidade para descubrir o patrimonio e a natureza da comunidade. Así o puideron comprobar os membros da Comisión NAT que participaron estes días na reunión do organismo ao realizar un tramo do Camiño de Santiago xunto ao director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, como colofón á súa visita.

 

Por iso, Diego Calvo animou aos asistentes a volver a Galicia para descubrir o modelo de turismo sostible que promove Galicia e que encaixa no modelo cara o que tamén avanza Europa.

 

Nesta conferencia dedicada ao sector turístico, tamén interviron a comisaria do Xacobeo, Cecilia Pereira, na sesión Cambiar o rumbo: das crisis ás novas oportunidades; e o director da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ildefonso de la Campa na ponencia Acadar o cambio: estratexias turísticas innovadoras nas rexións da Unión Europea.

 

O Comité Europeo das Rexións (CdR) e a Comisión de Recursos Naturais (NAT)

 

O Comité Europeo das Rexións (CdR) é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea cun total de 329 membros dos 27 Estados Membros. No marco do CdR, a Comisión NAT é unha das súas seis comisións temáticas .  



Imaxes relacionadas