A Xunta colabora nun proxecto artístico na alvariza de Bustelo de Fisteus (Quiroga) que pon en valor a técnica da pedra seca

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou na inauguración dunha peza escultórica da artista Lucía Loren que convida a reflexionar sobre o concepto de paisaxe cultural

O Goberno galego programa actividades paralelas orientadas principalmente a escolares para divulgar o coñecemento deste recurso construtivo vencellado ao entorno

Quiroga (

Lugo), 3 de xuño de 2022 A Xunta de Galicia colabora nun proxecto artístico e de investigación sobre o patrimonio inmaterial vencellado ao Camiño de Santiago que pon en valor a técnica da pedra seca cunha intervención escultórica da artista Lucía Loren nunha alvariza da aldea modelo de Bustelo de Fisteus (Quiroga).

O delegado territorial do Goberno galego, Javier Arias, participou hoxe no acto de inauguración da peza e presentación da iniciativa, promovida por Acción Cultural Española no marco do Xacobeo 2021/2022 dentro dunha acciónna que participan oito Comunidades Autónomas.

Arias destacou o cariz divulgativo do proxecto, “que servirá para reforzar o interese da poboación local, peregrinos e turistas por esta técnica construtiva incluída recentemente na lista representativa do patrimonio inmaterial da UNESCO”. Nese sentido, salientou que constituirá “un recurso artístico, turístico e museístico para o territorio de Quiroga e para a contorna”.

Tamén subliñou que a Xunta, a través de Turismo de Galicia, programa de xeito paralelo accións educativas orientadas principalmente a escolares, como a visita guiada a unha alvariza; o desenvolvemento dun proxecto educativo da Central Folque co CEIP de Quiroga que inclúe obradoirosrelacionados co mundo do mel e con danzas ancestrais vinculadas ás abellas; ou unha charla sobre a ruta xacobea por parte da Asociación de Amigos do Camiño de Inverno na Ribeira Sacra.

O traballo da artista Lucía Loren, especializado en contornas naturais, reflexiona sobre o concepto de paisaxe cultural. A proposta na alvariza de Bustelo de Fisteus inclúe un obradoiro participativo que contribúe afomentar a difusión pública e transmisión desta técnica tradicional.

Arias salientouque a iniciativa supón “unha oportunidade para intercambiar experiencias e coñecementos e recoller a sabedoría da poboación da zona”. Remarcou que o proxecto “foi seleccionado entre outros seis finalistas en Galicia, todos eles centrados en manifestacións culturais que forman parte da nosa identidade e que desde a Xunta queremos valorizar e preservar para as xeracións futuras”.

A iniciativa Una ruta por los territorios de nuestro imaginario percorre as tradicións e o coñecemento ao redor dos Camiños de Santiago e define o seu patrimonio cultural inmaterial. Organízase en nove bloques temáticos repartidos en oito Comunidades Autónomas: acollida tradicional, arquitectura da paisaxe, comunidade xitana, gastronomía e técnicas de conservación tradicional, lendas do Camiño, oficios e artesanía, ritualidades, sons e tradición oral.

Imaxes relacionadas