A Xunta sinala que a planta de ensamblaxe de estruturas de eólica mariña flotante de Ferrol permitirá consolidar o liderado da comarca neste sector

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, salienta que a Administración autonómica traballará conxuntamente con Nervión Naval Offshore e, se o proxecto cumpre os requirimentos normativos, axilizará a súa tramitación

A planta suporá, segundo as previsións da compañía, un investimento de 24 millóns de euros, e permitirá crear 100 novos postos de traballo e manter outros 400, cunha facturación estimada o primeiro ano de 95 millóns de euros
 
A través do Fondo de Transición Xusta, no que a Galicia lle corresponden 111 millóns de euros, a Xunta apoiará proxectos tractores que permitan a transformación do tecido empresarial galego
 
Apunta á necesidade de colaboración para impulsar a reactivación económica da comarca, para o que reclama ao Goberno que se sume ao Pacto de Estado por Ferrol e que as axudas do Perte do Naval contribúan a consolidar o polo de eólica mariña

Ferrol, 3 de xuño de 2022
 
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, sinalou hoxe que a planta de ensamblaxe de estruturas de eólica mariña flotante que está a promover Nervión Naval Offshore, do grupo Amper, no porto exterior de Ferrol permitirá consolidar o liderado da comarca e de Galicia neste sector, e apuntou que a Administración autonómica traballará conxuntamente coa compañía e, se o proxecto cumpre os requirimentos normativos, axilizará a súa tramitación.
 

A iniciativa, que segundo as previsións da empresa ocupará 75.000 m2 de superficie, suporá un investimento de 24 millóns de euros, permitindo crear 100 novos postos de traballo e manter 400, cunha facturación estimada o primeiro ano de 95 millóns de euros.

 

Tal e como subliñou Conde, a planta vai ter un importante impacto, acrecentando a capacidade produtiva dunha industria tractora para Galicia e para o conxunto de España, ao tempo que contribuirá a reindustrializar a comarca. Por iso, asegurou que o proxecto vai contar con todo o apoio da Xunta, tanto a través dos diferentes instrumentos de financiamento do Igape, como dos que ofrece a Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

 

O vicepresidente primeiro, que agradeceu ao grupo Amper que priorizara o emprazamento en Ferrol por riba de calquera outra opción fóra da Comunidade, así como a colaboración da Autoridade Portuaria de Ferrol, sinalou que Galicia transmite confianza cando se trata de atraer investimentos e novos proxectos industriais cara a Comunidade. Segundo remarcou Conde, o proxecto que hoxe se presentou pon de manifesto o carácter estratéxico do porto exterior de Ferrol, que se posiciona como un dos centros neurálxicos do sector a nivel mundial; así como o saber facer que alberga a comarca no sector da eólica mariña.

 

O vicepresidente apuntou á necesidade da colaboración para impulsar a reactivación económica de Ferrolterra, para o que volveu reclamar ao Goberno que se sume ao Pacto de Estado por Ferrol promovido pola Xunta, e que as axudas do Perte do Naval contribúan a converterse a comarca nun polo de eólica mariña de España.

 

Tal e como explicou Conde, a través do Fondo de Transición Xusta, no que a Galicia lle corresponden 111 millóns de euros, a Xunta vai tratar de identificar e impulsar proxectos tractores que permitan a transformación do tecido empresarial galego e nos que colaboren, fundamentalmente, pequenas e medianas empresas. Para iso, estará aberta desde este sábado, 4 de xuño, e ata o vindeiro día 23 unha manifestación de interese para o tecido empresarial.

Imaxes relacionadas