A Xunta favorece o emprendemento de vinte proxectos empresariais do Salnés na 5ª edición do espazo coworking de Vilanova de Arousa

O delegado territorial en Pontevedra, Luis López, acompañado do alcalde, Gonzalo Durán, coñeceu as iniciativas da man do director, Ramón Tubío, e do equipo de titores, que acompañaron e apoiaron 76 proxectos nas catro edicións anteriores

Esta sede da rede de apoio ao emprendemento, que ten en toda Galicia un investimento de máis de 1 M€ da Consellería de Economía, Industria e Innovación, conseguiu crear 38 empresas no Salnés nos catro anos anteriores e a xeración de 55 postos de traballo

 

Vilanova de Arousa, 2 de xuño de 2022

A Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, está a favorecer o emprendemento de vinte proxectos empresariais na comarca do Salnés a través da 5ª edición do Espazo Coworking de Vilanova de Arousa, que se desenvolve dende finais do primeiro trimestre no Pazo de Vista Real.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo alcalde, Gonzalo Durán, e do tenente de alcalde, Javier Tourís, coñeceu esta mañá as iniciativas que se están a impulsar da man do director, Ramón Tubío, e do equipo de titores, que acompañaron e apoiaron 76 proxectos nas catro edicións anteriores dos que xurdiron 38 novas empresas e 55 postos de traballo creados na bisbarra arousana.

Na actualidade, neste Espazo Coworking están en marcha vinte proxectos, dos cales 12 están impulsados por mulleres e tres por emigrantes retornados, de sectores moi diversos e con posibilidades de éxito pola demanda e necesidades do mercado, como o turismo de aventura, a creatividade, os produtos do mar, a economía dixital, a alimentación, o deporte, a sostibilidade, as axencias de viaxes, o paisaxismo, o enoturismo, comunicación e eventos, patronaxe, a fotografía especializada, o turismo de luxo, o aloxamento ou a industria musical, entre outros.

A sede vilanovesa da rede autonómica de apoio ao emprendemento está financiada pola Consellería de Economía, Industria e Innovación, que adica máis de un millón de euros a esta iniciativa en Galicia, e desenvolve as súas accións a través de mentores individuais que acompañan e axudan ao desenvolvemento de cada proxecto de empresa e ao deseño do modelo de negocio. Ademais, os participantes tamén reciben outra formación específica a través de obradoiros prácticos, eventos e accións de networking.

“O crecemento empresarial e a xeración de riqueza en Galicia, que van moi por riba da media nacional nos últimos anos, non é casualidade e débese ao valor e inxenio dos emprendedores e ao apoio transversal da Xunta que, no caso da xente máis nova e das ideas máis creativas, plásmase neste apoio, sobre todo no ámbito rural, con case 400 empresas creadas e máis de 600 empregos a través dos Espazos Coworking”, explicou o representante autonómico.

Esta rede de emprendemento, xurdida hai seis anos e que conta coa colaboración da Escola de Organización Industrial (EOI), dispón na actualidade de 11 Espazos Coworking en toda Galicia, o que supón dobrar as cifras da súa orixe no ano 2016. Na provincia de Pontevedra, ademais desta sede consolidada en Vilanova de Arousa, estase a impulsar outra en Lalín a través da Asociación de Empresarios de Deza (AED) para esa comarca do interior.

“Non pode ser que unha boa idea quede no caixón por falta de apoio e aí é onde aparece o traballo da Xunta de Galicia, que está moi satisfeita dos resultados obtidos en Vilanova, xa que moitos dos proxectos desenvolvidos convértense en empresas e xeran riqueza e emprego”, concluiu Luis López.