A Xunta presenta o informe sobre custos de produción no sector da carne á asociación de gandeiros galegos da suprema

Desta forma, a Consellería do Medio Rural inicia unha rolda de contactos cos diferentes axentes deste eido produtivo -que tamén se manterán con industria e distribución- para que dispoñan de datos sobre a situación actual de venda a perdas

O conselleiro José González tamén lles explicou aos gandeiros as medidas da Xunta para paliar estas dificultades, como o anticipo da PAC, e para valorizar a carne de Ternera Gallega Suprema, como a campaña de promoción de ámbito nacional
 

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2022

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, mantivo este mediodía unha xuntanza con membros da Asociación de Gandeiros Galegos da Suprema. A reunión serviu para atender as demandas deste colectivo e para presentarlles o informe sobre custos de produción no sector da carne elaborado pola Xunta en colaboración coa Fundación Juana de Vega.

 

O conselleiro explicoulles aos gandeiros que este estudo constata a situación xeneralizada de venda a perdas no sector de vacún de carne e máis concretamente en granxas de Ternera Gallega Suprema. Así, segundo este documento, o prezo mínimo estimado para cubrir o custo de produción neste eido é de 6,20 euros / quilo canal e os prezos percibidos actualmente por produtores de Ternera Gallega Suprema oscilan entre os 5,10 e os 5,20 euros / quilo canal. Polo tanto, sinalou González, en números redondos existe unha diferenza de 1 euro por quilo entre o que terían que percibir os gandeiros para cubrir os seus custos e o que realmente cobran.

 

O conselleiro engadiu que estes resultados vanse trasladar aos asinantes do protocolo da cadea de valor da carne, coordinado pola Xunta -especialmente a industria e distribución, ao igual que se fixo neste encontro con gandeiros-, para que dispoñan de datos sobre a situación actual de venda a perdas, e incidiu na necesidade de cumprir a lei neste eido, para garantir a transparencia e a sustentabilidade do sector.

 

Anticipo da PAC

José González trasladou ademais que proximamente está previsto publicar no Diario Oficial de Galicia o anticipo da PAC, que os gandeiros poderán solicitar ás entidades bancarias sen ter que afrontar ningún tipo de custo financeiro. Así mesmo, en breve habilitarase unha liña de financiamento de circulante -tamén sen custo financeiro- de ata 25 millóns de euros que permitirá facer préstamos de liquidez para os gandeiros.

 

O titular de Medio Rural advertiu que, tendo en conta os resultados deste informe, resulta preciso valorizar a carne de Ternera Gallega Suprema nos puntos de venda e que este aumento repercuta nos prezos que reciben os gandeiros. Para lograr este obxectivo, o conselleiro puxo en valor os esforzos e os traballos da Xunta a prol desa valorización, a través de diferentes iniciativas. Entre elas salientou especialmente o recente acordo histórico na cadea de valor do vacún de carne, e máis concretamente en Ternera Gallega, para frear a venda a perdas, un protocolo -lembrou- coordinado polo Goberno galego.

 

Campaña de promoción

Ademais, o conselleiro tamén destacou a posta en marcha dunha campaña de promoción para valorizar este produto, que suporá un investimento conxunto de 1,4 millóns de euros a nivel nacional por parte da Consellería do Medio Rural e do Consello Regulador de Ternera Gallega, e que se suma á campaña realizada nas redes sociais no pasado Nadal.

 

Nesta liña, González salientou a posta en marcha do observatorio da cadea alimentaria, para loitar tamén contra a venda a perdas, así como da nova unidade que asume as funcións da Axencia de Control Alimentario en Galicia, con este mesmo obxectivo. Ademais, o conselleiro recordou que a Xunta segue reclamando ao Ministerio de Agricultura que faga cumprir a lei da cadea alimentaria para evitar, precisamente, a venda a perdas.  A maiores, José González puxo tamén en valor os traballos que se están facendo ao abeiro da Estratexia do sector cárnico, co obxectivo -salientou- de marcar co sector a folla de ruta que rexerá o seu futuro.

 

Imaxes relacionadas