A Xunta soluciona unha pequena avaría no CEIP Seis do Nadal e leva a cabo obras ante a inacción do concello

Marta Fernández-Tapias lamenta o “alarmismo” do goberno local ante uns danos sen importancia e reclama outras reparacións que non atende no mesmo centro

A Dirección do colexio vigués agradeceu a efectividade coa que a Xunta de Galicia resolveu a incidencia acaecida o martes e solucionada en apenas unhas horas
 

Vigo, 3 de xuño de 2022

A delegada territorial da Xunta en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Marta Fernández-Tapias, lamentou hoxe o “alarmismo” xerado polo Concello de Vigo polo dano causado o pasado martes no CEIP Seis do Nadal e a forma desleal en que o Goberno local intente xerar unha polémica política onte tan só existe unha pequena avaría.

 

Así, a representante autonómica aclarou que tratouse da caída dun pequeno falso teito do centro escolar debido a unha rotura de elementos que configuran o forxado baixo cuberta. Engadiu tamén que o fallo estrutural non afectou en ningún caso á estrutura e non houbo que lamentar ningún incidente.


A Xefatura Territorial de Educación enviou de forma inmediata ao centro aos seus técnicos, que determinaron que a causa máis probable son tensións internas do material ocultas ata hoxe. En calquera caso, ese mesmo día fíxose unha comprobación de toda a instalación e deixou todo reparado na mesma xornada. Ademais, non afectou en ningún momento ao normal funcionamento do centro e soamente pechouse a zona afectada durante os traballos de reparación.

 

A propia Dirección do CEIP Seis do Nadal trasladou o seu agradecemento á Xunta pola   efectividade coa que resolveu a incidencia acaecida no centro e destacou que as clases están funcionando de xeito habitual. Ademais, tamén engaden que hai obras pendentes do Concello que seguen a espera. Ante esta situación, o Goberno galego xa decidiu iniciar os trámites para asumir os traballos que deberían sufragar as arcas municipais.

 

Plan de investimentos

Fernández-Tapias lembrou tamén que o plan de investimentos da Xunta en grandes infraestruturas educativas de Vigo ata 2025 contempla un investimento de 25 millóns, dos que 6,4 xa están en execución ou aprobados e outros 1,4 adícanse a gastos de mantemento e obras entre 2021 e 2022.

 

Así, xa están en execución 2,6 millóns en tres infraestruturas (San Tomé, Conservatorio Superior de Música e CEIP Virxe do Rocío), hai outros 16 investimentos aprobados e pendentes de iniciar por valor de 2,7 millóns e 1,2 millóns máis para obras en proxecto, redacción ou licitación. Por último, outras tres actuacións están programadas ou en valoración cun custe de 17,1 millóns, entre eles os case 12 do IES de Navia.

   

Imaxes relacionadas