O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, abordou hoxe en Comisión 3ª as políticas do Goberno galego para facer fronte á pobreza e á exclusión

A Xunta duplicou os fondos destinados á área de inclusión social no período 2009-2021 ata acadar os 145 millóns de euros

Trabállase na nova Estratexia de Inclusión Social co horizonte 2030 e no desenvolvemento da Axenda Social Única de Galicia 2014-2020

A taxa de carencia material severa reduciuse á metade nos últimos anos, situándose no 4,1%

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2022 A Xunta duplicou os fondos destinados á área de inclusión nos últimos anos ata acadar no presente exercicio de 2022 preto dos 145 millóns de euros, fronte os 70,6 millóns de euros que destinaba a este fin en 2009. Así o indicou esta mañá o director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, durante a súa comparecencia na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamento do Parlamento de Galicia.

 

Arturo Parrado sinalou a Estratexia de Inclusión Social e a Axenda Social Única como os os principais instrumentos de planificación do Goberno galego para dar resposta ás necesidades das persoas que máis o necesitan. No desenvolvemento das medidas incluídas nestes dous marcos de actuación están implicados distintos departamentos da Administración autonómica, concellos e entidades de iniciativa social.

 

Ao respecto, o director xeral avanzou que, nestes momentos, acábanse de rematar os traballos de avaliación da Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2014-2020, que en liña co marco financeiro dos fondos europeos, pódese continuar executando ata 2023. Ademais, explicou que os resultados desta análise presentaranse agora aos axentes implicados e servirán de base para determinar as prioridades e obxectivos da futura Estratexia de Inclusión Social con horizonte 2030, que novamente incluirá unha estratexia sectorial para a poboación xitana en Galicia.

 

Investimento na Axenda Social Única

En canto á Axenda Social Única de Galicia 2021-2024, Arturo Parrado indicou que esta conta con 93 medidas concretas e operativas para mellorar a calidade de vida das persoas e colectivos máis vulnerables. Así mesmo, apuntou que o investimento nas medidas da Axenda superou os 400 millóns de euros o ano pasado.

 

O director xeral asegurou que o Executivo autonómico conta cunha “sólida planificación das políticas sociais”, que dan estabilidade e resposta as necesidades para traballar na loita contra a pobreza e a exclusión social”. Tamén manifestou que estas políticas “permiten consolidar os progresos acadados por elas en Galicia”.

 

Como mostra do traballo da Xunta apuntou que, segundo o Instituto Galego de Estatísticas (IGE), a carencia material severa reduciuse á metade, pasando do 7,8% en 2011 ao 4,1% no 2020, ano da pandemia por covid-19.

 
Emprego

No seu relatorio, Arturo Parrado respondeu a preguntas relacionadas co emprego e vivenda. Respecto do primeiro ámbito sinalou que a Enquisa de Poboación Activa (EPA) do primeiro trimestre deste ano 2022, a taxa de paro (11,4 puntos) é a menor rexistrada nun primeiro trimestre dos últimos 14 anos, e continúa sendo mellor ca do conxunto do Estado (13,6 puntos).

 

Tamén trasladou que o Goberno galego está a apoiar con liñas específicas aos grupos de poboación con máis dificultades de acceso ou permanencia no mercado de traballo. Faino a través dos Plan Emprega Muller, dotado de 35,8 millóns de euros; o Plan Emprega Xuventude, cun orzamento de 51,8 millóns de euros; e o Plan Emprega Discapacidade, ao que se destinan 40 millóns de euros.

 

Así mesmo, referiuse aos 7,7 millóns de euros que se invisten na convocatoria anual para a contratación temporal de persoas perceptoras da Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga).

 
Vivenda

En materia de Vivenda o director xeral de Inclusión Social mencionou o programa do bono do alugueiro social, ao que se destinan este ano 2022 un total de 3,2 millóns de euros, o que supón un 15% máis que o exercicio anterior. Nesta liña, recordou que desde 2019 o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) ten en marcha un bono alugueiro para as mulleres vítimas da violencia de xénero que cubre o total do custe de alugueiro cun investimento de 1,7 millóns de euros.

 

Ademais, neste ano, o IGVS investirá 8,8 millóns de euros en axudas para a promoción da vivenda con destino a alugueiro social ou ás vivendas cedidas para o Plan de atención a persoas sen fogar.