O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias analizou na Comisión 7ª do Parlamento a situación actual deste eido produtivo nosa comunidade

A Xunta insiste en que o futuro do sector primario galego pasa por cubrir os seus custos de produción e ter unha marxe de beneficio

José Balseiros insistiu en que a primeira medida inmediata para manter e asegurar esa viabilidade económica das explotacións agropecuarias pasa por dar cumprimento á Lei de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria

Destacou o aumento rexistrado no prezo medio do leite en Galicia no mes de abril, que ser situou nos 40,87 cts/litro, fronte os 32,80 cts/litro do mesmo mes do ano 2021

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2022

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, analizou na Comisión 7ª do Parlamento a situación actual do sector primario da nosa comunidade, centrándose sobre todo no sector vacún de leite e de carne. Neste senso, reiterou que o futuro deste eido produtivo -ao igual que o agrario- pasa por cubrir os seus custos de produción e contar cunha marxe de beneficio, máis alá de axudas directas ou subvencións que poidan obter a través das distintas administracións.

Neste senso, o director xeral incidiu en que a conxuntura actual está a resultar prexudicial para todas as actividades económicas e tamén para o sector primario. Así, a suba desmesurada dos prezos das materias primas, dos combustibles e da electricidade dos últimos meses, así como a alteración dos mercados internacionais por mor da invasión rusa a Ucraína está agravando a actual situación. Por iso, insistiu Balseiros, a primeira medida inmediata para manter e asegurar esa viabilidade económica das explotacións agropecuarias pasa por dar cumprimento á Lei de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria, a cal obriga a que se venda o produto a un prezo xusto.

Para iso, salientou o director xeral, é preciso habilitar ferramentas dixitais que permitan aos gandeiros levar unha contabilidade oficial, que acredite os custos de produción e poidan así cobrar un prezo digno. Neste senso, volveu destacar a ferramenta Conta Láctea, posta en marcha pola Xunta para que os gandeiros saiban o que lles custa producir, e as numerosas peticións realizadas polo Goberno galego para que se inclúa esta aplicación en dita norma, aínda que sen éxito polo momento.

Namentres, José Balseiros explicou que grazas ás actuacións levadas a cabo pola Consellería do Medio Rural, empezando polas estratexias do sector lácteo -que se está a implantar- e da carne -actualmente en elaboración- os prezos actuais dos sectores produtivos máis destacados en Galicia van crecendo. Así, matizou que o prezo medio do leite en Galicia no mes de abril é de 40,87 cts/litro, fronte os 32,80 cts/litro do mes de abril do ano 2021. Esa suba, manifestou Balseiros, seguirá nos vindeiros días tras establecer, a través dun informe de custos realizado pola Xunta en colaboración coa Fundación Juana de Vega, que o prezo para cubrir gastos está entorno aos 40 cts/litro.

No tocante ao sector da carne, Balseiros deu conta que os gandeiros de Ternera Gallega Suprema están a perder un euro por cada quilo de carne e por iso, ante esta situación, a Xunta coordinou un protocolo de entendemento entre os distintos elos que conforman a cadea de valor deste sector para frear a venda a perdas no sector vacún de carne e garantir así garantir o futuro das explotacións dignificando as rendas dos gandeiros. A maiores, reiterou que a Xunta e a IXP Ternera Gallega porán en marcha unha campaña de divulgación a nivel nacional en medios de comunicación para fomentar o consumo de Ternera Gallega Suprema.

Axudas directas

Preguntado polas axudas directas que pode recibir o sector agropecuario galego, o director xeral subliñou que Galicia está a percibir uns 50 millóns de euros en axudas para os produtores de vacún de leite, grazas ás negociacións levadas a cabo pola Xunta ante o Estado.

Porén, asegurou que a situación para o sector de vacún de carne non é tan favorable para as explotacións galegas. Así, salientou que no último borrador de Real Decreto que enviou o Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación ás comunidades autónomas, Galicia tan só percibiría case 10 millóns de euros para este eido produtivo. Por iso, a Consellería do Medio Rural presentou alegacións para que ditas achegas sexan, cando menos, iguais ás dadas ao vacún de leite.

Imaxes relacionadas