A Xunta mantén o compromiso coa modernización da Administración de Xustiza para afrontar os novos retos deste servizo

O vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, participou esta mañá na presentación das “XV Xornadas Xurídicas de Sarria Román García Varela”, que se centran nesta edición na vinculación entre a intelixencia artificial e o dereito

Diego Calvo destacou que estas xornadas sitúan cada ano a Galicia no centro do debate xurídico a nivel estatal

Sarria (Lugo), 3 de xuño de 2022 O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, destacou hoxe a aposta e o compromiso da Xunta pola modernización da Administración da Xustiza para facer fronte aos novos retos deste servizo e avanzar cara unha xustiza dixital e accesible coa que garantir un servizo e eficiente. Así o sinalou durante a inauguración das XV Xornadas Xurídicas Román García Varela de Sarria, que este ano se centran na intelixencia artificial e o dereito.

Na inauguración tamén participaron os directores das xornadas, o catedrático de Dereito Mercantil Carlos Lema Devesa e o letrado da Administración de Xustiza Román García-Varela e asistiu ademais o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias. A conferencia inaugural foi impartida polo vicepresidente do Tribunal Constitucional, Juan Antonio Xiol Ríos.

Diego Calvo destacou na súa intervención o traballo levado a cabo desde 2009 pola Xunta para modernizar a Administración de Xustiza a través do I e o II Plan Senda, cun investimento de máis de 50 millóns de euros para implantar a administración electrónica xudicial en Galicia e seguir avanzando nos próximos anos cun novo Plan Senda co que dar resposta á demanda dunha xustiza cada vez máis dixital e accesible. Por exemplo, avanzando na implantación das salas de vistas dixitais en todos os xulgados galegos.

En canto á temática desta edición, o vicepresidente segundo lembrou que Galicia xa conta coa súa propia Estratexia de Intelixencia Artificial, que suporá un investimento de 330 millóns de euros ata 2030 a través da colaboración público-privada e cuxa aplicación redundará na eficiencia do sistema xudicial. Ademais, engadiu que a posta en marcha das solucións neste eido irán acompañadas do marco ético e legar a adecuado para os dereitos da cidadanía neste novo contexto.

Nesta liña, o Goberno galego está a levar a cabo un traballo conxunto coas tres universidades galegas co obxectivo de analizar como afrontar ese marco ético e normativo para a intelixencia artificial.

 

O vicepresidente segundo da Xunta incidiu ademais no nivel dos participantes nestas xornadas que acolle ata mañá o concello de Sarria e sitúan cada ano a Galicia no centro do debate xurídico a nivel estatal.

Nesta edición con representantes doutros países como o fiscal xefe da Unidade de Extradición en Reino Unido, Marc Robinson. Hoxe e mañá tamén participarán o director xeral de Transformación Dixital do Ministerio de Xustiza, Aitor Cubo; o maxistrado do Tribunal Supremo Rafael Sarazá; o maxistrado da Audiencia Nacional Joaquín Delgado; o director do Centro de Documentación Xudicial, Iñaki Vicuña; e os presidentes das Audiencias Provincias da Coruña e Ourense, Ignacio Picatoste e Antonio Piña, respectivamente, entre outros.

Imaxes relacionadas