A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade supervisou hoxe o inicio das obras destes dous novos itinerarios ao longo da antiga traza da estrada autonómica AC-433

Ethel Vázquez avanza que as sendas de Soesto e de Serantes estarán rematadas a comezos de 2023 cun investimento de 335.000 €, facilitando desprazamentos máis seguros, limpos e saudables aos veciños de Laxe

Esta actuación dotará os veciños de Laxe de case 1,3 novos quilómetros de novos itinerarios peonís, facilitando os desprazamentos cara a equipamentos como a igrexa e o cemiterio; ou puntos de atracción e de interese turístico como a praia de Soesto

Conectaranse pola marxe esquerda da vía os lugares de Arrueiro e Castrelo, en Soesto; e pola marxe dereita, en Serantes, os núcleos de Conlle e O Piñeiro

Laxe (A Coruña), 3 de xuño de 2022 A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que as sendas de Soesto e de Serantes estarán rematadas a comezos de 2023 cun investimento da Xunta de 335.000 euros, facilitando desprazamentos máis seguros, limpos e saudables aos veciños de Laxe.

 

Vázquez Mourelle supervisou esta mañá, xunto co alcalde, o inicio dos traballos que se acaban de iniciar para a execución destas 2 novas sendas ao longo da antiga traza da estrada autonómica AC-433, que contan cun prazo de 8 meses.

 

A conselleira explicou que estas intervencións dotarán os veciños de Laxe de case 1,3 quilómetros de novos itinerarios peonís, facilitando os desprazamentos cara a equipamentos como a igrexa e o cemiterio; ou cara a puntos de atracción e de interese turístico como a praia de Soesto.

 

Estes dous itinerarios engádense ao executado pola Xunta con anterioridade entre Laxe e o paseo marítimo, unindo a zona de lecer de Cabo de Area coa vila, ao que se destinou un investimento autonómico de 330.000 €.  

 

A titular de Infraestruturas e Mobilidade detallou que as novas sendas terán un ancho que oscilará entre os 1,5 e os 2 metros, serán de formigón coloreado, en cor terriza natural, o que as fará máis visibles para os condutores que circulan pola estrada, e garante unha maior integración paisaxística na contorna.

 

Ethel Vázquez concretou que o itinerario en Soesto, entre os lugares de Arrueiro e Castrelo, será de uso compartido e discorrerá pola marxe esquerda da actual estrada autonómica, deste a intersección desta coa súa antiga traza, prolongándose ata o núcleo de Arrueiro.

 

Este itinerario, de aproximadamente 600 metros, habilitarase precisamente no treito máis urbanizado, e executarase pola marxe esquerda da estrada, que é a que normalmente empregan os veciños para ir ata a praia de Soesto.

 

A titular de Infraestruturas e Mobilidade apuntou que a outra senda, a de Serantes, será un pouco máis longa, 720 metros, pola marxe da estrada actual, pero apoiada na antiga traza, entre os núcleos de Conlle e O Piñeiro.

 

Neste caso, habilitarase ese novo itinerario pola marxe dereita xa que, tal e como explicou a conselleira, é onde mellor encaixa, dado que polo outro lado non hai posibilidade de garantir un tránsito peonil continuo. Isto, engadiu, permite ademais dotar os veciños dun itinerario cara á igrexa de Santa María de Serantes e cara ao cemiterio.

 

A execución das sendas completaranse con outras intervencións para a recollida de augas pluviais; pequenos muros de formigón armado de contención; ou o retranqueo de postes de telecomunicacións e electricidade para evitar obstáculos no tránsito de peóns.

 

Ethel Vázquez fixo fincapé na aposta da Xunta polo fomento dunha mobilidade máis sostible e respectuosa co medio, para acadar unha Galicia máis verde. Unha aposta que se traduce nos máis de 200 km de sendas peonís que se levan construído na última década en toda Galicia, entre eles, os 11 km habilitados na comarca de Bergantiños cun investimento de 5 M€; aos que se sumarán outros novos, como o do Couto e o de Xornes, en Ponteceso; ou o do centro comercial de Coristanco.

 

A conselleira avanzou, ademais, que este ano a Xunta executará as obras de mellora do firme na estrada AC-434, que están próximas a licitarse e suporán un investimento estimado de 200.000 €.

Imaxes relacionadas