O presidente da Xunta participou na reunión da Comisión de Recursos Naturais (NAT) e na conferencia sobre turismo sostible, co Camiño de Santiago como modelo de sustentabilidade

Rueda destaca o Camiño de Santiago como exemplo do novo modelo de turismo sostible e de calidade demandado tras a pandemia

Incide en que colaborar entre rexións e compartir experiencias é clave para seguir impulsando o turismo tras a covid

Salienta que esta fin de semana, “previsiblemente”, chegarase ás 100.000 compostelas, xa que o mes de maio pechouse con máis de 93.500 compostelas entregadas desde principios de ano, o que supón un récord histórico

“Desde o Goberno galego seguiremos apostando polo Camiño de Santiago: 180 M€ investimos neste dobre Ano Santo, ademais das achegas recibidas dos fondos europeos como os Next Generation, di
 

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2022

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o Camiño de Santiago como exemplo do novo modelo de turismo sostible e de calidade demandado tras a pandemia e posible en Europa.

 

Durante a súa participación na reunión da Comisión de Recursos Naturais (NAT) e na conferencia sobre turismo sostible, co Camiño de Santiago como modelo de sustentabilidade, Rueda precisou que as rutas xacobeas engloban tres aspectos clave: a peregrinación, con todos os valores de cooperación e enriquecemento persoal e cultural que implica; as paisaxes naturais que salpican cada recuncho do percorrido; e o patrimonio cultural e gastronómico.

 

“Estamos a falar dunha ruta que permitiu durante séculos crear un espazo de cooperación, de encontro e de valores comúns sobre os que construír a identidade europea”, afirmou, sostendo que o Camiño é marca Galicia e marca España, pero tamén marca Europa.

 

Segundo o titular do Goberno galego, unha proba de que a ruta Xacobea é un proxecto europeo que traspasa as fronteiras é a colaboración que a Comunidade mantén co Goberno de Portugal. Así, unha das prioridades da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal é cooperar en temas turísticos, no que o Camiño ten un grande peso; non en van, o Portugués é o segundo máis transitado e o que máis crece.

 

Cómpre salientar que nas dúas rutas certificadas -o Camiño central e o da costa-, estanse a preparar novos itinerarios para obter a acreditación como o de Torres, o de San Rosendo, o de Minhoto ou a Vía de Fátima, que conecta estes dous centros de peregrinación peninsular.

 

Logo de facer fincapé en que colaborar entre rexións e compartir experiencias é clave para seguir impulsando o turismo tras a pandemia, o titular da Xunta resaltou que en Galicia este sector representa o 10,4% do PIB. E concluíu salientando que esta fin de semana, “previsiblemente”, chegarase ás 100.000 compostelas, xa que o mes de maio pechouse con máis de 93.500 compostelas entregadas desde principios de ano, o que supón un récord histórico, mellorando os niveis prepandemia -entre xaneiro e maio de 2019 rexistráronse 87.500-.

 

“Desde o Goberno galego seguiremos apostando polo Camiño de Santiago: 180 M€ investimos neste dobre Ano Santo, ademais das achegas recibidas dos fondos europeos como os Next Generation”, sentenciou.

Imaxes relacionadas