A Xunta xestionou máis de 14,3 M€ en axudas agroambientais e de agricultura ecolóxica da convocatoria da PAC de 2021 que beneficiaron a case 3.700 gandeiros e agricultores galegos

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución que permite consultar os beneficiarios destes pagos e os importes concedidos polo Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), dependente da Consellería do Medio Rural

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2022 Un total de 3.670 gandeiros e agricultores galegos recibiron da Xunta algo máis de 14,3 millóns de euros correspondentes ás axudas agroambientais e de agricultura ecolóxica da campaña de 2021 da Política Agrícola Común (PAC). Estas achegas están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

 

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), dependente da Consellería do Medio Rural, que permite consultar estes beneficiarios, así como o importe das axudas concedidas. En concreto, polas achegas de agroambiente e clima repartíronse 12,3 millóns de euros a 3.434 agricultores e gandeiros e polas de agricultura ecolóxica algo máis de 1,9 millóns de euros a 236 produtores.

Neste senso, cabe lembrar que todos os que queiran consultar os beneficiarios das axudas agroambientais e de agricultura ecolóxica da PAC 2021, así como os importes concedidos, poden descargar a aplicación móbil Sga@pp e revisar as resolucións completas das solicitudes indicadas.

Así, cómpre destacar que as axudas da PAC son de gran interese para o sector primario, xa que contribúen a reducir as diferenzas entre a renda agraria e a urbana. Deste xeito, perseguen compensar aos agricultores e gandeiros pola súa prestación de servizos esenciais, co obxectivo de que poidan competir con outros países ao tempo que atenden ás esixencias específicas dos consumidores e consumidoras europeos.

 

Enlace á resolución no DOG:

Imaxes relacionadas