O presidente da Xunta asistiu hoxe ao acto de graduación do alumnado da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo

Rueda destaca a Universidade como un espazo desde o que se constrúe a Galicia do futuro co esforzo e o talento que representa a mocidade

Asegura que o Goberno galego continuará coa senda de renovación do mapa de titulacións, coa implantación de 25 novos títulos

Recorda que o Plan de Financiamento Universitario permitirá mobilizar 3.200 millóns de euros os próximos cinco anos, centrándose en eixes como a docencia innovadora, a internacionalización ou a investigación avanzada
 

Vigo, 2 de xuño de 2022 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a Universidade como un espazo desde o que se constrúe a Galicia do futuro, co esforzo e o talento que representa a mocidade.

Deste xeito, Rueda trasladou os parabéns aos 325 alumnos da Escola de Enxeñería Industrial de Vigo pola súa graduación, así como ás súas familias e docentes, por acompañalos neste camiño. “Encarnades o valor da constancia e da superación e exemplificades o mérito”, abundou, incidindo en que a Galicia do futuro constrúese desde moitos espazos, pero sen ningunha dúbida desde a universidade, formando futuros profesionais preparados para a actual realidade laboral.

Sobre este punto, recordou que o Goberno galego continuará coa senda de renovación do mapa de titulacións, coa implantación de 25 novos títulos; non en van, na Universidade de Vigo, implantáronse xa o Grao de Enxeñería Biomédica e os Máster en Dirección e Innovación da Cadea de Subministración e en Industria 4.0. Ademais de seguir apostando pola innovación, a través dos centros de investigación e a transferencia do coñecemento á realidade socioeconómica da comunidade; “o vindeiro Campus Vigo Tecnolóxico axudaranos aínda máis neste fin”, aseverou.

“E esa Galicia constrúese coa universidade e con colaboración e apoio mutuo”, concluíu, sostendo que esa é a razón pola cal, a pesar de contar coas taxas máis baixas de todo o Estado, o Plan de Financiamento Universitario permitirá mobilizar 3.200 millóns de euros os próximos cinco anos, centrándose en eixes como a docencia innovadora, a internacionalización ou a investigación avanzada.

Imaxes relacionadas