A Xunta apela ao diálogo construtivo coa CEG para dar respostas aos novos retos económicos que afronta Galicia

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, asistiu esta tarde en Santiago de Compostela á clausura da asemblea xeral da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), xunto coas conselleiras de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez; e Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana

Defendeu o efecto tractor do tecido industrial sobre a recuperación e a transformación enerxética e dixital de Galicia, unha premisa que explica a creación da Secretaría Xeral de Industria
Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2022

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, asistiu esta tarde en Santiago de Compostela á clausura da asemblea xeral da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), xunto coas conselleiras de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez; e Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana. Na súa intervención, Conde apelou ao diálogo construtivo con esta institución e o resto de axentes económicos e sociais para dar resposta aos novos retos económicos que afronta Galicia.

 

O vicepresidente económico defendeu a importancia de que Administración e axentes socioeconómicos e sociais colaboren e traballen de forma coordinada, apostando, ademais, polo consenso e a estabilidade para reconstruír o modelo económico sobre novas bases como a dixitalización, a sustentabilidade e o talento. Neste sentido, garantiu que desde a Xunta de Galicia se seguirá exixindo un reparto descentralizado, transparente e áxil dos fondos Next Generation; así como apoiando a reactivación con instrumentos como a Lei de simplificación administrativa ou a futura Lei de áreas empresariais; construíndo a Galicia do futuro a través do Plan Estratéxico 2022-2030.

 

Conde tamén amosou o compromiso do Goberno galego co tecido industrial e, como mostra, explicou que a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación contará por primeira vez cunha Secretaría Xeral de Industria. Un departamento que desenvolverá un papel destacado en ámbitos como a coordinación da oferta do solo empresarial, a tramitación de expedientes de proxectos industriais, ou a coordinación con outras áreas da Xunta para facilitar e axilizar a implantación de empresas en Galicia.

 

En definitiva, concentrará todas as políticas de desenvolvemento industrial e impulso de novos proxectos, tendo en conta o efecto tractor que vai exercer a industria tanto para a recuperación como para a transformación enerxética e dixital.

Imaxes relacionadas