O conselleiro do Medio Rural interveu na Comisión de Recursos Naturais (Comisión NAT) do Comité das Rexións, que se reúne na Cidade da Cultura

A Xunta aposta no Comité das Rexións pola xestión sustentable do territorio rural como a mellor fórmula para garantir un sector primario forte

José González trasladou que a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia contribúe a afrontar o reto demográfico e subliñou que se basea en criterios adaptados ás esixencias do Pacto Verde Europeo e da estratexia da granxa á mesa

Destacou que a nosa comunidade conta con ata 36 denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas que, “xunto coa recuperación da terra de xeito sustentable, permiten ofertar no mercado produtos da máxima calidade”

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2022

O conselleiro do Medio Rural, José González, defendeu hoxe a xestión sustentable do territorio como mellor fórmula para garantir que o sector primario galego, español e europeo medre e teña futuro. Ademais, tamén sinalou que a recuperación da terra rural contribúe de xeito decisivo a afrontar o reto demográfico, “especialmente acusado en Galicia e en España, pero que atinxe en xeral a todo o territorio europeo”.

O conselleiro, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, participou este mediodía no debate “Alimentos asequibles e ingresos agrícolas xustos: reforzar a resiliencia do sistema alimentario da UE”, no marco da Comisión de Recursos Naturais (Comisión NAT) do Comité Europeo das Rexións, que se reúne estes días na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.

Na súa intervención, González puxo en valor iniciativas como a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, impulsada pola Xunta e que vén de cumprir un ano dende a súa entrada en vigor, como fórmulas para loitar contra o abandono e para reforzar o sector primario. Nesta liña, sinalou que hoxe máis ca nunca é preciso reforzar este eido produtivo, tendo en conta circunstancias como a pandemia ou a invasión rusa de Ucraína.

Operadores primarios

Neste sentido, o conselleiro lembrou a importancia das axudas da PAC nese reforzo do sector, pero trasladou que cómpre, ao tempo, avanzar na regulación de mecanismos de apoio aos operadores primarios -agricultores e gandeiros- pola vía do mercado, valorizando os seus produtos e tendo en conta que isto pode traer consigo unha suba de prezos para o consumidor final. Do mesmo xeito, José González fixo fincapé na necesidade de “ser menos dependentes do exterior” no que atinxe ao aprovisionamento de alimentos.

En relación coa devandita Lei de recuperación da terra, o conselleiro explicou que esta norma se basea en criterios “de sustentabilidade e adaptados ás esixencias europeas do Pacto Verde e da estratexia da granxa á mesa”. Tamén falou de que é preciso defender a singularidade das producións agroalimentarias europeas e, neste contexto, salientou que Galicia é especialmente rica en razas e variedades autóctonas -con ata 75 castes diferentes, destacou, no caso do viño-. Engadiu que a nosa comunidade conta con ata 36 denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas. Con elas, dixo, e “xunto coa recuperación da terra de xeito sustentable, podemos ofertar no mercado produtos da máxima calidade”.

José González rematou indicando que as crises dos últimos anos teñen reforzado a convicción arredor da importancia de contar cun sector primario potente e de proximidade, porque, remarcou, “o futuro pode pasar por sufrir dificultades de aprovisionamento se non somos quen de poñer a producir a nosa terra”.

Interese polas zonas rurais

Por último, cabe sinalar que a Xunta comparte as impresións da Comisión NAT do Comité das Rexións e acolle con satisfacción o interese prestado ás zonas rurais nas conclusións do Consello da UE arredor do oitavo informe sobre a Cohesión, adoptadas hoxe en Bruxelas polos ministros dos Estados Membros.

Como dixo Ulrika Landergren, presidenta da Comisión NAT e conselleira municipal de Kungsbacka (Suecia), “precisamos definir obxectivos e indicadores concretos e utilizar todos os fondos dispoñibles para asegurar que ningunha rexión se queda atrás”. E engadiu que “tamén é importante fortalecer o envolvemento do nivel local e rexional no deseño e implementación do Pacto Rural Europeo”.

Así mesmo, a Administración galega acolle tamén con satisfacción o debate sobre o reforzo do enfoque desde o ámbito da comunidade local para a cohesión despois de 2027. Precisamente, no caso das zonas rurais, a apropiación e a participación das comunidades locais son fundamentais para superar o sentimento de ter sido deixadas atrás (coñecido como a xeografía do descontento). Por iso, a Xunta subliña que non se pode esperar ao ano 2028, de aí que o Pacto Rural trate de implicar dende agora a todos os niveis. Nesta liña, cabe salientar que o propio Comité das Rexións promove o “rural proofing” como parte dunha mellor regulación para así comprobar as repercusións nas zonas rurais e preparou un estudo que xa está dispoñible.

Imaxes relacionadas