Fernández-Tapias recibe á goleta “Atyla” na súa viaxe para iniciar a ruta Iacobus Maris Xacobeo 21-22

A delegada territorial da Xunta en Vigo acudiu ao Peirao de Transatlánticos para saudar á tripulación do barco que participará na travesía desde Xénova o 25 de xuño e que chegará á cidade olívica o 23 de xullo

Vigo, 2 de xuño de 2022 A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, acudiu este xoves ao peirao de Transatlánticos para recibir á goleta “Atyla” na súa viaxe de preparación para participar na ruta Iacobus Maris Xacobeo 21-22. Acompañada polo presidente da Autoridade Portuaria, Jesús Vázquez Almuiña, e o presidenta da Fundación Traslatio, Mario Cardama, a representante autonómica deu a benvida á tripulación á cidade que os verá chegar de novo o vindeiro mes de xullo.

 

A goleta “Atyla”, un dos once grandes veleiros que participarán na Iacobus Maris, xa está en Vigo ultimando detalles para o esperado comezo do travesía xacobea máis longa da historia. Onte mércores, ao redor das 19:00 horas, o barco de 31 metros de eslora amarraba no Peirao de Transatlánticos da cidade olívica e este xoves era recibido polas autoridades.

 

Tras realizar unha visita polo interior do barco e coñecer á tripulación, a delegada da Xunta afirmou que “é un luxo poder visitar estes barcos por dentro, ver como están coidados e a antigüidade que teñen algunhas pezas. É un privilexio poder gozalo e todos aqueles que o queiran ver, cando chegue a Iacobus Maris a Vigo no mes de xullo poderán, facelo e coñecer como se vive no barco. É unha experiencia que lle recomendo a todo o mundo”.

 

“É unha marabilla que empecen a chegar barcos como a goleta `Atyla´ ao noso porto, que ademais van facer o camiño inverso ata Xénova, como nos contaba o capitán. Para empezar o día 24 a Iacobus Maris. Todos desexamos que cheguen xa á nosa cidade, que entren os veleiros, buques escola e goletas pola nosa ría e que podamos gozar todos os vigueses e viguesas dese espectáculo que vai ser único. Imos rememorar aquelas épocas, como na saída da Volvo Ocean Race, nas que chegaban a Vigo grandes veleiros, e creo que vai ser algo que quede na retina de todos”, finalizou Fernández-Tapias.

 

A Iacobus Maris partirá o próximo 25 de xuño desde a localidade italiana de Xénova rumbo a Vigo e facendo escala en Valencia, Sevilla e O Porto antes da súa chegada a Galicia. O prazo de inscrición para enrolarse nalgunha das etapas e vivir a experiencia a bordo dun dos grandes veleiros que participan, continúa aberto na web www.iacobusmaris.org.

Imaxes relacionadas