O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, participa en Madrid na Conferencia General de Política Universitaria

A Xunta lamenta que a nova Lei de universidades siga sen solucionar os problemas estruturais e poida xerar desigualdades no sistema

O Goberno galego asegura que a última versión do texto que o Goberno Central quere elevar a Consello de Ministros segue sen ter en conta propostas de mellora sobre aspectos como a gobernanza, a financiación, os contratos de traballo e a investigación

Denuncia que o Ministerio continúe cara adiante cunha lei que foi elaborada sen contar co apoio dos axentes implicados e que, por tanto, “é unha oportunidade perdida para lograr un texto de consenso que perviva no tempo”

Canto aos requisitos de financiamento universitario propostas no texto, lembra que Galicia xa cumpre “de sobra” con elas, posto que conta cun Plan de Financiamento consensuado que mobiliza 3.200M€ ata 2026

En materia de gobernanza critica a “deixación de funcións” do Ministerio o que pode provocar unha multitude de regulacións en todo o territorio do Estado

Madrid, 2 de xuño de 2022

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, participou hoxe en Madrid na Conferencia General de Política Universitaria, convocada para analizar o texto da nova Lei Orgánica do Sistema Universitario impulsado polo Goberno do Estado. Na súa intervención, o representante da Xunta de Galicia volveu lamentar -como xa o fixera na reunión do pasado novembro- que o Goberno do Estado siga adiante cunha norma elaborada ás costas dos axentes implicados e que non dá resposta a ningún dos problemas estruturais das universidades españolas e que pode xerar desigualdades no sistema a nivel estatal.

 

“En xeral -explicou o secretario xeral de Universidades- non se inclúen modificacións substanciais nun texto que adoece dunha falta de modelo global e valente que leve á universidade española aos niveis de prestixio e de calidade que lle corresponden”. Alertou ademais de que “a desregularización de temas de gran importancia como son a gobernanza , as acreditacións ou o desenvolvemento de figuras contractuais no persoal docente pode dar lugar a desigualdades non desexables” no Sistema Universitario Español.

Así pois, Díez de Castro denuncia a “oportunidade perdida para acadar unha lei con vocación de pervivencia” que debería ser deseñada contando coas aportacións do conxunto da comunidade universitaria.

 

Financiamento

No que atinxe ao financiamento das universidades, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades explicou que Galicia xa cumpre “de sobra” cos requisitos establecidos no texto da lei (financiamento estrutural, por obxectivos e necesidades singulares) con plans quinquenais, un modelo de necesidades estruturais de docencia e investigación, un panel de indicadores e I+D+i. De feito, lembrou o consenso acadado na elaboración do Plan de Financiamento Universitario de Galicia 2022-2026, un documento acordado entre as partes que mobilizará máis de 3.200M€ no vindeiro quinquenio, a maior achega da historia da Xunta de Galicia ás universidades públicas.

 

Non obstante amosouse moi escéptico co mandato normativo de establecer un mínimo do 1% do PIB á educación universitaria pública en España sen que leve aparellado ningún compromiso de apoio financeiro por parte do Estado. Subliñou, ademais, que a dependencia financeira das aportacións autonómicas “é moi forte, mentres que a dependencia do Estado é anecdótica”.

 

Gobernanza

En materia de gobernanza, Galicia lamenta a “deixación de funcións” do Goberno do Estado neste eido, o que pode provocar unha heteroxeneidade de regulacións en todo o territorio, así como a eliminación da proposta inicial de redución o número de membros do Claustro, do Consello de Goberno e do Consello Social.

 

Pola contra, a Xunta defende -seguindo as recomendacións dos expertos e a dinámica dos sistemas universitario europeos- un modelo máis xerencial, cun maior liderado individual e redución dos órganos de goberno, que asegure a capacidade de xestión dos futuros equipos reitorais. Tamén se insistiu na necesidade de incorporar unha representación da comunidade autónoma ao Consello de Goberno.

 

Centros de investigación e persoal

No que atinxe ao ámbito da investigación, José Alberto Díez de Castro tachou o texto de “inmobilista” e que non responde á dinámica modernizadora de todos os organismos universitarios que se dedican á investigación, que reclaman estruturas máis flexibles e especializadas.

 

Canto ao profesorado, o texto tampouco aporta melloras nos procesos de acceso e promoción dos corpos docentes, que resulta básico para mellorar a calidade do sistema.

 

Finalmente, o representante da Xunta denunciou a falta de transparencia ao longo de todo o proceso de tramitación da nova lei de Universidades, sen mesas de traballo que posibilitaran discusións en aberto, o que “compromete unha visión global de futuro onde prevaleza o interese xeral”.

Imaxes relacionadas