Rueda avanza que Galicia xestionará os 111 M€ do fondo de transición xusta co obxectivo de identificar proxectos que xeren oportunidades entre as pemes

Esta iniciativa busca a transformación do tecido empresarial e xerar un impacto económico e social positivo nos lugares identificados como zonas de transición xusta, que no caso de Galicia se corresponde coa provincia da Coruña polo peche das centrais de Meirama e das Pontes

As pequenas e medianas empresas son as principais destinatarias, xa que a previsión é mobilizar máis de 400 M€ a través de grandes proxectos que faciliten un plan de desenvolvemento territorial sustentable e que garantan o mantemento do emprego nestes territorios

Habilítase unha manifestación de interese para o tecido empresarial que é un requisito do Goberno central para acceder a este fondo, quedando excluídas da repartición aquelas grandes empresas que agora non presenten a súa solicitude
 

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2022

O titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, avanzou que o Consello da Xunta avaliou hoxe o denominado Fondo de Transición Xusta, unha partida que dota Galicia de 111 millóns de euros na procura de identificar e impulsar proxectos tractores que permitan a transformación do tecido empresarial galego e nos cales colaboren, de modo principal, pequenas e medianas empresas da Comunidade.

 

O fondo, que xestionará a Administración autonómica, facilitará, así, a xeración dun impacto económico e social positivo nas zonas afectadas pola denominada transición enerxética, que no caso de Galicia se corresponde coa provincia da Coruña, polo peche das centrais de Meirama e das Pontes, prestando apoio aos territorios e aos traballadores afectados. “A poboación está pedindo certezas, polo que son necesarios apoios concretos e, sobre todo, impulsar novos proxectos empresariais”, aseverou Rueda.

 

As pemes son as principais destinatarias desta partida e o obxectivo principal é, segundo dixo o presidente da Xunta, “impulsar proxectos tractores que permitan a transformación do tecido empresarial galego nestas zonas, que xeren novas oportunidades nas pemes, e que faciliten un plan de desenvolvemento territorial sostible e de futuro”.

 

Para isto, habilítase unha manifestación de interese para o tecido empresarial, ao ser este un requisito do Goberno central para o uso do fondo, e quedan excluídas da repartición aquelas grandes empresas que agora non se presenten a esta convocatoria. O prazo de presentación de iniciativas permanecerá aberto desde este sábado, 4 de xuño, tras a súa publicación no Diario Oficial de Galicia mañá venres, e ata o vindeiro día 23.

 

As grandes empresas interesadas deberán achegar información sobre a propia entidade e o proxecto proposto, así como a súa localización no territorio elixible. Pola súa banda, a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través do Igape e o Inega, e en cooperación co Goberno central, estudará as manifestacións de interese recibidas, avaliando a súa viabilidade e compatibilidade coa normativa de axudas de Estado e co Regulamento do Fondo de Transición Xusta.

 

Investimentos apoiados

Os proxectos abranguerán investimentos en activos materiais e inmateriais –creación dun novo establecemento, diversificación da actividade ou da produción, ou transformación do proceso de produción global-; adquisición de activos pertencentes a un establecemento que pechase sempre que a nova actividade non sexa idéntica ou similar á realizada-, e investimentos centrados en medidas de eficiencia enerxética, fontes renovables, infraestruturas enerxéticas ou reciclado de residuos.

 

En canto á contía dos apoios, vén delimitada pola normativa europea de axudas do Estado, de plena aplicación. Así, nas axudas de finalidade rexional, a intensidade máxima será do 15 %, mentres que nas destinadas á protección do ambiente oscilarán entre o 30 % e o 45 %.

 

Deste xeito, o Goberno galego reforza a súa aposta pola transformación ecolóxica da industria, a economía circular e a eficiencia enerxética, ao tempo que impulsa o traballo das pemes galegas a través de proxectos empresariais tractores para a diversificación económica do territorio. Estas iniciativas fomentarán tamén a investigación, a innovación e a transformación dixital.

Imaxes relacionadas