Diego Calvo enxalza a Feira Abanca Semana Verde como compendio de tradición e renovación para dar a coñecer unha Galicia emprendedora e de vangarda

O vicepresidente segundo da Xunta, acompañado da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ánxeles Vázquez, presidiu hoxe a inauguración da 44ª edición da Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, que aspira a bater o seu propio récord de asistencia

Ademais de reunir a cadea de valor do sector primario galego, o encontro inclúe o Salón de Alimentación do Atlántico (Salimat Abanca), o Salón Turístico de Galicia (Turexpo Galicia), a Feira de Festas de Interese Turístico (Festur) e a Feira de Caza, Pesca e Natureza (Fecap Abanca), así como unha ampla oferta de ocio, deporte e actividades para todos os públicos

Silleda (Pontevedra), 2 de xuño de 2022 O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ánxeles Vázquez, presidiu hoxe a inauguración da 44º edición da Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, á que cualificou como un compendio de tradición e renovación “para dar a coñecer unha Galicia emprendedora e de vangarda”.

 

Ao acto acudiron tamén, entre outros, a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto; o director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López.

 

A feira, que se estenderá ata o domingo 5 de xuño, aspira a bater o récord de asistencia acadado na edición do ano 2019, cando reuniu a 128.066 visitantes. De feito, recobrouse o 95% dos expositores, o que confirma a recuperación dun evento que non se puido celebrar no 2020 por mor da pandemia pero que xa o ano pasado acadou os 57.000 visitantes. As expectativas creadas veñen avaladas pola presencia de preto de 700 expositores de nove países e a programación de máis de 200 actividades.

 

Diego Calvo amosouse convencido de que a volta á normalidade da máis famosa das feiras multisectoriais galegas é unha proba da súa puxanza e vitalidade. “Conxuga tradición e renovación, xa que foi un evento punteiro para dar a coñecer no pasado o mellor do sector primario e que cos anos foi quen de adaptarse aos novos tempos ata converterse nun fabuloso escaparate do mellor de Galicia”. Ao entender do vicepresidente segundo, na feira de Silleda dáse cita “a Galicia emprendedora e de vangarda baixo o selo de calidade”.

 

Xuntos cos stands tradicionais en torno ao sector primario de Galicia e a toda a cadea de valor da súa agricultura e gandería, a Semana Verde inclúe feiras xa consolidadas como o Salón de Alimentación do Atlántico (Salimat Abanca), o Salón Turístico de Galicia (Turexpo Galicia), a Feira de Festas de Interese Turístico (Festur) e a Feira de Caza, Pesca e Natureza (Fecap Abanca). Estas ofertas complementarias están a acadar tamén unha gran proxección, xa que tanto en Salimat Abanca como en Turexpo Galicia estase a superar nun 9% o número de expositores da edición do 2019, con cifras récord tanto en superficie ocupada como en stands.

 

Desenvolvida nun recinto de máis de 400.000 m2 desuperficie, a Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia é o principal punto de referencia expositiva do noroeste peninsular, cun deseño versátil que permite que, ademais das feiras profesionais, coincidan na cita unha morea de actividades de ocio, deportivas a gastronómicas, con certames ecuestres e caninos, concursos gandeiros, competicións deportivas e un amplo abano de ofertas para desfrute dos asistentes. A súa evolución nos últimos anos foi moi positiva e practicamente duplicou o número de expositores, metros cadrados e visitantes.

 

O vicepresidente segundo agradeceu o apoio co que recolleu o relevo da presidencia da Fundación Semana Verde e amosouse convencido de que á feira multisectorial lle esperan anos de éxito e proxección coincidindo co pulo internacional que está a ter Galicia da man do Xacobeo. “O Camiño de Santiago é o mellor escaparate de Galicia, e a Semana Verde de Silleda, o mellor exemplo do que son capaces de facer os galegos”, asegurou.    

Imaxes relacionadas