Rueda destaca un investimento de máis de 20 M€ na adquisición de 26 novos TAC e tres PET

Salienta que a Xunta cumpre co obxectivo fixado de que todas as áreas sanitarias conten con TAC de tecnoloxía espectral e tamén renova os TAC dos sete hospitais comarcais de Galicia

Os tres novos equipamentos PET-TC destinaranse a renovar o existente no Hospital Meixoeiro de Vigo e a dotar por primeira vez desta tecnoloxía a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras (Hospital Universitario de Ourense); e a de Lugo, A Mariña e Monforte (Hospital Universitario Lucus Augusti)
 

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2022

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe, na rolda de prensa do Consello, un investimento de máis de 20 millóns de euros na adquisición de 26 novos equipamentos de tomografía computerizada (TAC) e de tres equipamentos PET-TC.

 

No tocante á autorización da adquisición de 26 novos equipamentos de tomografía computerizada (TAC), que terán como destino o conxunto dos hospitais da rede sanitaria pública galega, cómpre salientar que o importe total desta compra ascende a un total de 16.121.385 de euros.

 

Sobre este punto, Rueda salientou que estes equipamentos de alta tecnoloxía instalaranse, dun xeito progresivo, entre o presente ano e o vindeiro: 6 serán para os centros hospitalarios da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras; 5 para os da Área Sanitaria da Coruña e Cee; outros 5 para a Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos; 4 para a Área de Pontevedra e O Salnés; 1 para a Área Sanitaria de Santiago e Barbanza e 5 para a Área de Vigo.

 

“Con esta nova compra todas as áreas terán este tipo de tecnoloxía, teranse renovados os TAC dos sete hospitais comarcais de Galicia e o Servicio Galego de Saúde contará cun total de 34 novos equipamentos de tomografía computerizada”, dixo, a modo de resumo.

 

O Goberno galego continúa coa súa aposta de reforzar o equipamento dos centros sanitarios, na procura de acadar unha optimización dos servizos asistenciais da comunidade, e así garantir unha axeitada cobertura sanitaria ao conxunto da poboación galega.

 

Do total de TAC adquiridos, 7 - un por cada área sanitaria-, contarán con tecnoloxía espectral, o que permitirá ofrecer diagnósticos con maior confianza e cunha redución da dose do 50 % sen perder calidade de imaxe. Esta tecnoloxía achega información sobre a caracterización tisular, a mellora do contraste entre os tecidos e a resolución, de forma que permite a detección de lesións máis pequenas, de grande importancia no seguimento oncolóxico e no diagnóstico de patoloxía cardíaca.

 

O orzamento aprobado esta mañá engádese aos 5,3 millóns de euros que no pasado mes de abril aprobou o Executivo galego, para adquirir 8 equipamentos de tomografía computerizada, con destino aos hospitais das áreas sanitarias de Santiago de Compostela-Barbanza e de Ferrol.

 

Equipamento Plan INVEAT

Este ano os orzamentos da Xunta incorporan 60,3 millóns para renovar e ampliar o equipamento de diagnóstico por imaxe en toda Galicia. Esta suma é resultado da proposta que presentou a Xunta ao Plan INVEAT, un instrumento creado polo Ministerio de Sanidade para canalizar os fondos NextGeneration cara á renovación e ampliación dos equipamentos de diagnóstico por imaxe no Sistema Nacional de Saúde. Galicia recibiu un 7,7 % dos fondos que se reparten neste plan.

 

Con todo, a Xunta de Galicia decidiu complementar estes fondos europeos distribuídos polo Goberno central con fondos do orzamento autonómico para poder adquirir equipamentos dunha gama de calidade máis alta.

 

En total, e co fin de adquirir equipamentos de tecnoloxía espectral para as sete áreas sanitarias a Xunta complementou con 5 millóns de euros de fondos autonómicos a achega de fondos NextGeneration distribuídos polo Goberno de España.

 

Neste senso, o actual expediente conta cun investimento total de 16,1 millóns de euros, dos que 12,4 euros son financiados mediante os fondos NextGeneration, mentres que os 3,7 euros restantes corresponden a fondos autonómicos con que a Xunta complementa a achega estatal.

 

Así mesmo, no que atinxe ao expediente do pasado mes de abril, a Xunta complementou con 1,5 millóns de euros o investimento de 5,3 millóns, para o equipamento das áreas sanitarias de Pontevedra-Salnés e Ferrol.

 

Equipamentos PET para Lugo, Ourense e para o Hospital do Meixoeiro, en Vigo

O Consello da Xunta aprobou tamén un acordo polo que se autoriza a contratación da subministración de tres equipamentos PET-TC para hospitais do Sergas, por un importe de 5.549.277 euros. Os tres novos equipamentos destinaranse a renovar o existente no Hospital Meixoeiro de Vigo e a dotar por primeira vez desta tecnoloxía a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras (Hospital Universitario de Ourense); e a de Lugo, A Mariña e Monforte (Hospital Universitario Lucus Augusti).

 

A contratación destes equipamentos permite manter as prestacións asistenciais actuais, garante a continuidade dos procesos e protocolos establecidos, e aumenta o alcance e dispoñibilidade da técnica co uso de equipamentos de maior precisión e resolución, con software máis avanzados, que acadan unha maior sensibilidade e precisión no diagnóstico de procesos oncolóxicos, que é o campo principal da tecnoloxía PET.

 

Xunto ao anterior, esta contratación posibilita incorporar novas técnicas diagnósticas á carteira de servizos que satisfagan a práctica totalidade da demanda asistencial destas tres áreas sanitarias que, coa incorporación en paralelo de novos radiofármacos emisores de positróns, permitan diagnósticos funcionais/metabólicos máis precisos no campo da oncoloxía, a neuroloxía e a cardioloxía.

 

Actualmente, o Sistema Sanitario Público Galego contra con tres equipamentos PET, o do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, instalado en 2008 no Hospital do Meixoeiro e que será obxecto de renovación con este contrato, e os instalados no ano 2017 no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela e no Centro Oncolóxico de Galicia, na Coruña.

 

“A contratación que hoxe autorizamos é importante, tanto polo avance que supón no diagnóstico de enfermidades como o cancro, como polo feito de que evitará o desprazamentos de centos de pacientes, que poderán recibir antención preto dos seus domicilios sen ter que ir ata Santiago, A Coruña ou Vigo”, explicou o presidente da Xunta.

 

A compra destes aparellos deriva do acordo marco, respectuoso co ambiente, do Ministerio de Sanidade, financiado pola Unión Europea a través do Mecanismo de recuperación e resiliencia NextGenerationEU. Plan de Investimento en equipamentos de alta tecnoloxía do Sistema Nacional de Saúde.

 

Esta iniciativa enmárcase no Plan INVEAT, cuxo obxectivo principal é incrementar a supervivencia global e a calidade de vida das persoas mediante o diagnóstico de enfermidades en estadios temperáns, posibilitando a intervención terapéutica rápida, con especial atención ás patoloxías de maior impacto sanitario, presente e futuro do Sistema Nacional de Saúde, como son as enfermidades crónicas, as oncolóxicas, e as raras e as neurolóxicas. Todo iso, consolidando a equidade no acceso á alta tecnoloxía e mellorando a calidade asistencial e a seguridade de pacientes e profesionais.

 

Investimentos en obras de adaptación

A chegada destes equipamentos requirirá de obras para a súa instalación nos servizos de medicina nuclear dos hospitais de Lugo e Ourense. Así, licitouse, por 3,1 millóns de euros, a obra para unha nova localización do servizo de medicina nuclear no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, mentres que está a piques de saír a licitación do contrato da obra de implantación do PET na Área de Medicina Nuclear do Hospital Lucus Augusti, por máis dun millón de euros.

 

En consecuencia, a Xunta de Galicia vai destinar máis de catro millóns de euros en obras nos hospitais de Lugo e Ourense, co fin de que poidan incorporar esta nova tecnoloxía para tratar os pacientes das súas respectivas áreas sanitarias.


 

Imaxes relacionadas